O cultivo máis frecuente nos castros revive grazas ao audiovisual

Andrés Teira, Pilar Abades, María Concepción Losada e Sabela Iglesias no Museo do Pobo Galego este 28 de novembro, na proxección do documental 'Os millos ausentes'. (Foto: MPG)
O filme 'Os millos ausentes' achégase á cultura ao redor deste cereal.

O documental Os millos ausentes nace da colaboración entre Illa Bufarda e o investigador da Universidade de Oxford Andrés Teira. Un traballo que suma ciencia e audiovisual para dar testemuño dun cultivo case extinto mais que foi fundamental. Esta quinta proxectouse no Museo do Pobo Galego, en Compostela.

O millo miúdo (Panicum miliaceum) e o paínzo (Setaria italica) domesticáronse nas chairas do norte da China e hai 3500 anos espalláronse, con éxito, por toda Europa, provocando cambios sociais, económicos e alimentarios. Chegaron a través da ruta da seda. Foron o cultivo máis frecuente nos castros e paliaron a fame durante varios períodos de inestabilidade climática da época romana.

Fotograma do documental 'Os millos ausentes'. (Foto: Illa Bufarda)

Viaxaron polos portos do Atlántico durante a Idade Media e coa chegada de novas especies procedentes de América foron perdendo presenza. Os millos ausentes é un documental que dá testemuño do que perdura destes cereais e faino reunindo investigación e audiovisual. "Andrés Teira [investigador da Universidade de Oxford] coñecíanos por outros documentais e foi el quen se puxo en contacto connosco", explica Pilar Abades, da produtora Illa Bufarda, en conversa con Nós Diario.

O documental recolle a investigación de Teira e da súa man percorre Galiza, o norte de Portugal e Asturias, onde falan coas últimas persoas que traballan cun un cereal case extinto na península Ibérica. "En Asturias e a Galiza as familias que o sementan fano como alimento para o gando, mais en Portugal aínda fan papas de millo miúdo, como un doce", indica Abades.

Este traballo audiovisual foi financiado pola Universidade de Oxford. O contido e o sentido científico están presentes, mais tamén, explica, conxugando esta finalidade divulgadora hai "unha linguaxe audiovisual máis poética". A pegada de Illa Bufarda, como noutros dos seus traballos de corte etnográfico, fica claro no respecto polos ritmos das persoas que aparecen neles e polo territorio. "Tentamos fuxir de imaxes idílicas, propias das propagandas das administracións, e tentar respectalo no documental tal e como é", apunta Abades.

Pouco queda ao millo miúdo e o paínzo no presente do seu pasado tan importante. Mais, precisa o traballo audiovisual, pode ter futuro. Son cereais que espertan hoxe grande interese por seren cultivos fundamentais para dar resposta a producións agrícolas sostíbeis e adaptábeis a variacións climáticas.

Fotograma do documental 'Os millos ausentes'. (Foto: Illa Bufarda)

"Agronomicamente, son resistentes a condicións semiáridas, tolerantes á salinidade, medran en solos pobres con poucos nutrientes e, grazas ao seu rápido ciclo de crecemento, son aptos para rotacións anuais. Desde o punto de vista nutricional son considerados superalimentos. Ao careceren de glute son aptos para dietas celíacas e beneficiosos para persoas con enfermidades coronarias", sinala.

O traballo e proxecto de Andrés Teira –Vellos cultivos para novos coñecementos– partiu, por unha parte, da necesidade de desenterrar arqueoloxicamente o legado do millo miúdo e do paínzo na península. E, por outro, de dar voz ás derradeiras persoas coñecedoras do seu cultivo na Galiza, Asturias e Portugal desde unha lente "máis próxima, diferente á da narrativa científica". Un compromiso por documentar o coñecemento ecolóxico tradicional das últimas xeracións do rural antes de que desaparezan, defenden desde Illa Bufarda.