De Culleredo a Madrid nun día e sen un só control pola pandemia

Autovía A-6 en Madrid antes do fechamento perimetral de outubro. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Usuarios da A-6 que contaban con permiso para viaxar revelan a 'Nós Diario' que tanto ten contar coa documentación como ir sen ela, pois nin ao ir cara Madrid nin ao regresar no mesmo día foron sometidos a ningún tipo de control. Recoñecen que cando caía a noitiña, o tráfico era moi intenso na autovía, especialmente no tramo que une Lugo e A Coruña.

Con datos epidemiolóxicos que nin sequera se alcanzaron na primeira onda da pandemia e varios confinamentos perimetrais de distintos territorios saír da Galiza e chegar a Madrid nun turismo particular é igual de sinxelo que antes de que o coronavirus chegara á vida da cidadanía. Así o comentan a Nós Diario usuarios da autovía A-6 que fixeron as viaxes de ida e volta nunha soa xornada sen ningún tipo de control das forzas de seguridade.

Seis e media da mañá de onte. Os protagonistas desta reportaxe saen do municipio de Culleredo, xa confinado hai días e con promesas do rexedor de que habería un maior control policial para que non se deran infraccións, camiño de Madrid.

Levan documentación oficial que lles permite obviar só o domingo as fronteiras imaxinarias estipuladas para evitar a expansión do coronavirus. Están no caso dun dos supostos básicos polos que se permite a mobilidade nestes momentos -cuestións de traballo, saúde ou educación, ademais de outras máis específicas para grupos fechados- e non temen ningún tipo de sanción. Mais, segundo revelan a Nós Diario, decidiron “saír antes da casa” do que tiñan previsto porque agardaban atoparse “con varios controis das forzas de seguridade na autovía”.

“Cando menos pensabamos que teríamos que amosar a documentación ao saír do país e ao chegar á Comunidade de Madrid”, di a familia que trasladou a súa experiencia a este xornal.

Pero a realidade foi moi distinta. A viaxe de Culleredo a Madrid decorreu como nun día normal, pre Covid-19, ou “incluso mellor porque á ida apenas había tráfico na autovía”.

Nun itinerario entre o municipio da comarca da Coruña e a localidade de Getafe, pasando por Madrid, non tiveron que amosar en ningún momento as credenciais que lles facilitaran para viaxar porque non atoparon nas estradas “ninguén que controlase os movementos de tráfico”.

“Vimos un coche da Garda Civil, pero estaba camuflado para multar por exceso de velocidade”, engaden. O resto dos pouco máis de 600 quilómetros que separaban o punto de partida do destino estaban libres.

Pouco importa que a Xunta ampliara o fechamento perimetral da Galiza se na realidade nunha das principais infraestruturas de entrada e saída non había ningún tipo de vixilancia un domingo.

Centros comerciais cheos

A modo de anécdota tamén contan que ao chegar a Madrid sorprendía “que todos os centros comerciais das aforas estaban abertos e con aparcadoiros cheos e mesmo había algunha pequena caravana de turismos nos accesos”.

De regreso á casa outras seis horas de viaxe -entre antes das tres e algo antes das nove da noite- sen ter que demostrar, con papeis, que tiñan permitido desprazarse, o que fai reflexionar a esta familia coruñesa. “Non entendemos como non había axentes para parar a ninguén; nós tíñamos permiso pero supoñemos que outra xente xa saberá que non hai problema para evitar as sancións e moverase libremente”, opinan en declaracións a Nós Diario.

Do traxecto de volta destacan que detectaron “moito máis tráfico”, tanto en Castela e León como na Galiza, especialmente en sentido Lugo desde A Coruña. “Había camións en ambas direccións que, como é por cuestións laborais, poden moverse pero tamén unha gran cantidade de coches particulares e semella raro que todo o mundo conte cos permisos”, inciden.