Deteñen en Culleredo un home que se dera á fuga após deixar unha muller atada e ensanguentada nunha furgoneta

Vehículo da Garda Civil. (Foto: Alberto Ruiz / Europa Press)
As primeiras pescudas apuntan a un crime de violencia machista.

A Garda Civil detivo esta quinta feira un home no municipio de Culleredo que se deu á fuga após deixar a unha muller atada e con feridas de sangue na parte traseira dunha furgoneta.

Segundo confirmou nas últimas horas a Delegación do Goberno estatal na Galiza, contra as 9.30 horas persoal médico deu aviso de que atopara unha muller atada nunha furgoneta estacionada na citada localidade.

O condutor, que se deu á fuga, foi finalmente detido arredor das 10.15 horas desta quinta por unha patrulla da Garda Civil nunha localidade próxima e trasladado a dependencias policiais. A vítima foi trasladada de inmediato a un centro hospitalario.

Aínda que presenta lesións, non se teme pola súa vida. Apuntan ademais que "todo indica que se trata dun caso de violencia de xénero", pero matizan que "a investigación continúa aberta".