Traballadores e as súas familias protestan na Mariña

"As cubas non paran", escrito na area: o persoal de Alcoa toma a praia das Catedrais

Traballadores de Alcoa toman coas súas familias a praia das Catedrais [E.P.].
A congregación na praia precede a reunión da mesa multilateral que terá lugar mañá, á que o comité de empresa levará de novo a petición de que non se paren as cubas.

O persoal da planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo) e de empresas auxiliares congregouse este domingo na praia das Catedrais, nun "encontro familiar" que pretende seguir a reclamar solucións que eviten o feche das instalacións e o despedimento de 534 persoas.

O turístico areal da Mariña acolleu as 12 horas unha congregación con pancartas para rexeitar o feche da central. Ademais, os traballadores escribiron mensaxes sobre a area pedindo unha intervención da planta por parte do Goberno.

A multinacional presentou un expediente de regulación de emprego (ERE) para 534 traballadores cuxo período formal de consultas alongarase até 4 de agosto. O mes estabelecido para estas negociacións remataba a sexta feira, 24 de xullo, pero a quinta feira chegouse a un acordo para tratar de gañar tempo.

A empresa insistiu entón en que está disposta a "estudar calquera alternativa" para o futuro da planta, pero vinculou unha posible venda á hibernación das cubas porque "un proceso deste tipo require tempo para executarse e o seu éxito é incerto".

Mañá vólvese reunir a mesa multilateral de Alcoa, na que estarán presentes tamén representantes das auxiliares. Ao encontro, o comité de empresa volve levar a petición de que non se paralicen as cubas.