Covid-19: cuarto día consecutivo cun incremento dos casos activos

Un profesional sanitario baixa dunha ambulancia un paciente con Covid-19 (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Galiza mantén un ritmo de máis de 200 novos contaxios detectados cada día.

Nova xornada de suba de contaxios da Covid-19 na Galiza. Por cuarto día consecutivo, os casos activos aumentan até situarse en 2.977 (38 máis que na xornada anterior, isto é, que os novos diagnósticos superaron ás altas).

Por áreas sanitarias, os positivos só descenden na área de Lugo-A Mariña-Monforte, até os 205 (-10), mentres que no resto soben. A de Vigo fica á cabeza con 843 (+20), seguida da área da Coruña-Cee, con 729 (+1). En Pontevedra-O Salnés hai 469 casos (+3); en Compostela-O Barbanza, 346 (+7); en Ourense-Verín-O Barco, 265 (+2), e en Ferrol, 120 (+10).

No tocante aos contaxios detectados por todo tipo de probas, nos datos deste sábado súmanse ao cómputo 204 novos casos de coronavirus, dos cales 181 foron confirmados cunha PCR. Deste modo, a taxa de positividade cae até 2,3%, por baixo das cifras da sexta e a quinta feira.

Así mesmo, a Consellaría de Sanidade vén de notificar dous novos pasamentos, polo que o cómputo global ascende a 2.381 vítimas mortais.

Redúcese a presión asistencial

Porén, a nota positiva da xornada é a baixada na ocupación dos hospitais galegos, deixando un total de 146 internamentos en planta (-10) e 43 nas unidades de coidados intensivos (sen cambios).

Por áreas sanitarias, tres das sete ven reducido o número de ingresos. É o caso da Coruña, onde se rexistran un total de 55 (-9), dos que nove (-1) están en críticos. O mesmo acontece na área de Pontevedra, con 21 persoas hospitalizadas (-4), cinco delas na UCI (sen cambios); e na de Lugo, con 11 doentes (-1), dos que catro (sen cambios) fican en coidados intensivos.

Aliás, a cifra de ingresados mantense estábel nas áreas de Ourense (27 hospitalizados, 10 deles críticos) e Ferrol (11 ingresados, dos cales hai dous en coidados intensivos).

Finalmente, onde si aumenta levemente a presión hospitalaria é na área de Vigo, con 40 ingresados (+3), aínda que non hai novidades na UCI, con oito; e en Compostela, con 24 pacientes Covid (+1), dos que cinco (+1) están en estado crítico.