O CSIC confirma o impacto negativo das máscaras nos ecosistemas acuáticos

Máscara recollida nunha praia. (Foto: Nós Diario)
Un estudo con espécimes de peixe cebra demostra que a degradación das máscaras nos ecosistemas mariños afecta á biodiversidade.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) vén de publicar os resutados dun estudo que confirma o impacto negativo das máscaras quirúrxicas como fonte de contaminación nos ecosistemas acuáticos e nos organismos que os habitan.

A investigación, que o CSIC desenvolveu a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) e en colaboración coa Universidade de Cádiz (UCA), expón que, como consecuencia da pandemia, "a xeración dun elevado volume de residuos, en moitas ocasións mal xestionados, derivou en que alcancen compartimentos ambientais tanto terrestres como acuáticos".

As investigadoras analizaron o impacto demáscaras comerciais fabricadas na China adquiridas nunha farmacia local e con 240 exemplares de larvas de peixes cebra criados baixo protocolos estabelecidos, nos laboratorios do IIM.

Emprégase esta especie porque está considerada como 'modelo', xa que a súa condición xenómica faina moi útil para coñecer as características comúns dos peixes.

Xens relacionados coa reprodución

"Os exemplares de peixe cebra expuxéronse durante dez días a control, tratamento con anacos de máscara e auga da súa degradación inicial; tratamento con anacos de máscara e auga da súa degradación avanzada e só auga proveniente de degradación avanzada", explicou o investigador Antonio Figueras.

Os resultados revelaron que os tratamentos con máscaras, xa sexa con fragmentos de distinto tamaño ou só con auga, afectaron a xenes do peixe cebra relacionados coa súa reprodución.

En específico, foron 40 os xenes do pez cebra relacionados coas tres fases da súa reprodución (desenvolvemento de gametos, recoñecemento esperma-óvulo e fertilización) os que que se viron afectados.

Os datos recollidos "suxiren que os procesos biolóxicos afectados polos fragmentos de máscaras  cirúrxicas -de uso diario e compostas dun tecido de microfibras de distintos  polímeros plásticos, aditivos orgánicos e inorgánicos- non só poderían ocorrer a nivel individual, senón tamén a nivel de poboación a través de problemas reprodutivos e de fertilidade. Con todo, estes efectos dependerán do grao de degradación das máscaras cirúrxicas", conclúen.