O CSIC certifica nun informe a contaminación fluvial con metais pesados procedente da mina de San Finx

Vertidos procedentes da mina de San Finx (Foto: Confraría de Noia).
O informe, encomendado pola Confraría de Noia, xa foi remitido ao Xulgado coa intención de que se impute aos administradores e ao director da mina por delitos contra o medio ambiente.

Un equipo de investigadores do Museo Nacional de Ciencias Naturais e do Real Xardín Botánico, institucións afiliadas ao Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), vén de emitir un informe no que se expoñen fóra de toda dúbida os impactos que están causando as verteduras da mina de San Finx no ecosistema fluvial e que podería chegar a afectar á ría de Muros e Noia.

O equipo científico coordenado por Santos Cirujano, especialista en xestión de zonas húmidas, elaborou un amplo estudo que incluíu análises físico-químicos e análises biolóxicas en varios puntos ao longo da bacía, monitorizando os niveis de metais pesados tanto na propia auga como en larvas de lamprea e musgos que se encontran no río.

O estudo, encomendado pola Confraría de Noia, confirmou que os niveis de metais pesados aumentan de forma exponencial despois do punto de vertido, facendo que a auga sexa tóxica para os organismos acuáticos. Para o caso das larvas de lamprea, a acumulación de algúns metais supera centos de veces os máximos que impón a Unión Europea (UE), mentres que ao analizar os musgos, os niveis de cadmio son 500% máis elevados dos presentes en ríos galegos non contaminados.

Os danos que causan os niveis de vertidos actuais da mina, xunto co incumprimento do condicionado da autorización de vertidos outorgada a Tungsten San Finx o pasado mes de febreiro, fixo que tanto confrarías como colectivos ecoloxistas se dirixiran a Augas da Galiza para que revoque de inmediato a autorización de vertidos e impoña á empresa mineira a obriga de selar as labores mineiras para impedir que a mina continúe contaminando.

O informe tamén foi enviado ao Xulgado de Noia, que instrúe a causa aberta contra a empresa mineira e os seus administradores por presuntos delitos contra o medio ambiente e os recursos naturais. As confrarías de Noia e Portosín (no municipio de Porto do Son) demandan a imputación dos novos administradores da empresa así como director facultativo, despois de que os anteriores propietarios australianos se desfixesen da mina o pasado verán.

Actualmente a mina está "controlada por unha empresa fantasma de tan só 3.000 euros de capital, vinculada a proxectos do empresario venezolano Serafino Iacono", explican os pósitos. Este "deixou atrás varios proxectos polémicos de ouro, gas e petróleo en Colombia, onde foron acusados de fraude, prevaricación e violacións de dereitos humanos da man de paramilitares e narcotraficantes", salienta o comunicado das confrarías. Desde os colectivos integrados na plataforma comarcal contra os vertidos advirten que "non tolerarán a implantación deste grupo empresarial e que iniciarán novas accións xudiciais nas vindeiras semanas".