Máis

Cruceiros en terras de Verín

O cruceiro da Piedade, en San Lázaro, Verín, erixido na Idade Moderna. (Foto: Camiño Xacobeo)
Un roteiro para gozar da arte en pedra.

A chegarse á comarca de Verín é sinónimo de paisaxes incríbeis e de valioso patrimonio cultural e natural. Percorrer as súas estradas e camiños en busca de cruceiros é unha oportunidade para coñecer un pouco máis a súa historia e a súa tradición. Pódese pór o comezo deste roteiro nos cruceiros de San Salvador, na parroquia de Medeiros (Monterrei). Construídos na Idade Moderna, teñen unha base cúbica, capitel dórico e unha cruz de pedra de sección ortogonal. Até catro é posíbel atopar no adro da igrexa desta parroquia. Seguindo o roteiro, no concello de Oímbra,  destaca o cruceiro no Campo de San Cibrao, do século XIX e con base cadrada e unha cruz grega. 
Tamén en Oímbra, no camposanto da parroquia de Bousés, atópase un cruceiro de granito cunha cruz co seu Cristo crucificado e a Virxe detrás. Os seus adornos e remates fan deste un elemento moi interesante esteticamente. Ademais, existe a posibilidade de que teña gradas soterradas debaixo do cruceiro.

No barrio de San Lázaro, na vila de Verín, encóntrase un cruceiro na porta da igrexa de Santa María. É coñecido como ‘o cruceiro da Piedade’ porque ten un capitel circular rematado cunha cruz latina e debaixo a Virxe con seu fillo morto nos seus brazos. A súa conservación é boa polo bo labor da veciñanza no seu coidado.

En Viladervós, no concello homónimo, centricamente situado atópase un cruceiro de construción recente cunha base hexagonal e unha cruz latina que ten a clásica estrutura dos cruceiros, por unha banda o Cristo crucificado e por a outra, a Virxe co seu fillo (Piedade). O capitel debaixo da cruz posúe polos dous lados a faciana dun anxo.

En Retorta (Laza), atópase un cruceiro que ten un capitel de orixe altomedieval xusto situado por riba da peana cúbica que suxeita o fuste. Este ten unha metade cadrada e a outra redonda. Remata nun capitel de estilo xónico e ten unha cruz coa imaxe do crucificado e a Virxe na outra cara.

En Castrelo do Val atópase o cruceiro de Trascarreira, do ano 1702. Cuns chanzos cubertos polo asfalto e un fuste cilíndrico, alberga un capitel xónico e unha cruz latina co crucificado e a Virxe.