A exclusión das mulleres do goberno grego continúa a alimentar a polémica

[MacroPolis]

Organizacións feministas e defensoras do executivo de Syriza publican senllas cartas abertas. 

 

"Entre feminismo e estupidez hai unha diferenza sideral". Así se pronunciaba o voceiro de Anova e portavoz de AGE no Parlamento galego, Xosé Manuel Beiras, nunha entrevista en Ser Galiza coa xornalista Aida Pena. Beiras foi preguntado pola presenza de só 7 mulleres entre as 40 persoas que compoñen o gabinete de goberno do primeiro ministro grego, Alexis Tsipras, e no que ningunha muller será responsábel dalgunha das 11 carteiras ministeriais. 

"Non hai ningunha muller preparada?", preguntou Pena ao político cando este defendeu que o goberno debía estar formado "polos mellores" e Beiras respondeu: "e ti que sabes!". 

Desde que se deu a coñecer a composición do novo executivo grego foron numerosos os pronunciamentos públicos, a prol e en contra, da decisión de Syriza. 

Nun país de 11,03 millóns de persoas máis da metade --o 50,7%% da poboación, segundo os dados do Banco Mundial en 2013-- son mulleres porén, a súa presenza na vida pública fica relegada a un segundo plano. En executivos anteriores o número de ministras non superaba o par e no arco parlamentar a súa representación é ínfima (68 escanos de 300). 

Segundo o Banco Mundial o 50,7% do desemprego atinxe as mulleres gregas nun país onde só representan o 14% dos escanos no Parlamento

As proporcios entre as distintas formacións políticas mantén a mesma liña e en ningunha delas alcanzan máis do 30% que representan en Syriza, seguido do KKE (26%), To Potami (17%), PASOK (15%), Nova Democracia (13%) e Amencer Dourado (11%). 

Segundo analistas greg@s, o debate xurdido en estados como o español a respeito da non presenza de mulleres no Consello de Ministros grego non se está a producir en Grecia onde a atención se foca na crise económica e nas consecuencias sociais da mesma. Paradoxicamente, a súa incidencia é maior no caso das mulleres. Neste senso, a taxa de desemprego no país heleno sitúase no 25,9% segundo o Eurostat de entre as cales o 29,2% son mulleres fronte ao 23,1% dos homes. Se ollamos a estatística entre as persoas menores de 25 anos, a fenda acrecéntase notabelmente. A metade da poboación moza (50,6%) non ten traballo, o 56% das mulleres e o 45,9% dos homes. 

"Decepción" pola falta de mulleres 

Perante este contexto desde o Fórum de Política Feminista diversas organizacións emitiron unha carta aberta dirixida ao primeiro ministro grego, Alexis Tsipras, na que amosan a súa "enorme decepción" pola constitución do "goberno máis masculinizado de Europa" que, explican, "no mellor dos casos exercerá un despotismo ilustrado de 'todo para as mulleres mais sen mulleres'". 

Para o Fórum de Política Feminista, o executivo da coligazón Syriza-Gregos Independentes "non representa a sociedade grega, composta na maioría por mulleres, nen encarna na idea democrática de que o poder emana do pobo". Asemade, as organizacións feministas asinantes da carta demandaban unha rectificación do primeiro ministro pois, como sinalou o círculo de Podemos Feminismos, nun comunicado "sen mulleres non hai cambio"

Podemos emitiu un comunicado através do Círculo Feminismos de Madrid onde amosan a súa "decepción" e "preocupación" pola exclusión das mulleres do goberno grego

Da mesma maneira se pronunciou na columna de opinión de Sermos Galiza a deputada do BNG, Carme Adán, quen criticou a ladaíña do "agora non toca" para denunciar que a situación das mulleres en Grecia --coma no conxunto de Europa-- se resume nun "máis desiguais na desigualdade". 

"Agora non toca falar de  cousas como a feminización da pobreza, a vulnerabilidade do emprego feminino ou das mulleres asasinadas por parellas e exparellas. Agora toca falar de cousas serias", apuntaba Adán quen arremeteu contra o "punto cego" que "existe na esquerda en xeral. Ese que obriga a priorizar as dominacións e, por ende, as batallas", sentenciou. 

Voces a favor do goberno grego

Mais non todas as voces foron críticas. Moitas persoas da esquerda fixeron resoar a súa opinión para defender a decisión de Syriza e sacarlle ferro ao asunto. 

Neste senso, desde o portal de información InfoGrecia unha das súas asinantes, B. Jaumen, publicou como "muller que desde hai case tres anos escribe e administra unha páxina sobre os acontecementos" no país heleno unha 'Carta aberta ao Forum de Política Feminista' en resposta pola súa misiva. 

No texto, B. Jaumen bate contra "feministas de longa experiencia" por teren caído, di, na "campaña de intoxicación masiva" polo feito de non haber mulleres no executivo grego. 

As voces a favor de Syriza poñen en valor a traxectoria das 7 mulleres do gabinete como Nadia Valavani, Zoe Konstantopoulou ou Tasia Christodoulopoulou. 

"No Consello de Ministros do goberno do Sr. Tsipras hai 6 mulleres", aclara ao tempo que explica "a estrutura do gabinete" en Grecia "é moi diferente á nosa", di en relación ao executivo español. Entre as voces defensoras atribúen a escasa presenza de ministras a un consello reducido até 11 carteiras e defenden que responsabilidades como a vice-presidenta de Macedonia e Tracia ou a de Turismo terían sido "coa estrutura anterior", ministerios. 

Así mesmo, Jaimen pon en valor a traxectoria dalgunhas das 7 mulleres presentes no gabinete como a ministra suplente (alternate minister) de Finanzas, Nadia Valavani, responsábel --di-- da "paralización do proceso de privatización da axencia estatal TAIPED". Xunto a ela salienta a presidenta do Parlamento, Zoe Konstantopoulou, ou a ministra suplente de Inmigración, Tasia Christodoulopoulou. 

"Nunca fun especialmente fan do Sr. Tsipras", di a administradora do portal, "aínda que me aledo da súa vitoria". Porén, acrecenta, "non teño máis remedio que admitir --e máis vendo algunhas críticas-- que loubo o seu criterio para escoller neste momento crítico do país as persoas que coidou oportunas, sen deixarse levar polo que pensarían", afirma. 

Imaxe capa : Flickr / Lorenzo Gaudenzi