Nove días de emprego e soldo

A CRTVG sanciona un locutor activista dos Venres Negros

Protesta das traballadoras da CRTVG nun recente #VenresNegro. Foto: @DefendeAGalega.

A Dirección de Recursos Humanos da CRTVG vén de sancionar o locutor da Radio Galega Carlos Jiménez con nove días de suspensión en emprego e soldo. O pretexto é unha suposta incompatibilidade polo seu traballo nun programa da TVG, pero fontes do persoal interprétano como represalia polo seu activismos contra a manipulación nos medios públicos.
 

A empresa abriu o expediente de Jiménez apenas tres días despois de que o traballador presentase papeleta de conciliación por diferenzas salariais, concepto polo que xa gañara outras demandas. En 2016, a compañía viuse obrigada a recoñecer a súa antiguidade. A apertura do proceso coincidiu co apoxeo dos Venres Negros -xornadas en que o persoal do ente protesta contra a manipulación informativa- e co ataque da dirección á presentadora Tati Moyano. Foi entón cando a compañía actuou contra locutor, significado na súa defensa dos medios públicos de comunicación.

 

A cúpula da CRTVG entende que o seu labor na Radio Galega é incompatíbel co seu traballo, tamén como locutor, para o programa Polo Rego, da Televisión Galega. Antes Jiménez traballara durante oito tempadas en Cos pés na terra, sen que en ningún momento houbese problema algún. Mais o director de programas da radio, Fernando Ojea, “descobre abraiado” -así consta no expediente- a voz de Jiménez no primeiro programa de Polo rego. En realidade, a CRTVG xa recibira unha copia do piloto do espazo.

 

De entrada, Recursos Humanos propuxo unha “falta moi grave” por “incompatibilidade no traballo e deslealdade coa empresa”. Serían de 16 a 60 días de suspensión de emprego e soldo. A maiores ameazábano co despedimento. Despois de recurrir, a sanción foi rebaixada a “falta grave” e nove días sen emprego e soldo.

 

Fontes dos traballadores e traballadoras da CRTVG enmarcan a decisión da empresa dentro da súa estratexia para intentar sufocar as protestas contra a manipulación informativa e as condicións laborais no ente público. Pouco a pouco, a dirección foi castigando, por diferentes métodos, xornalistas que se amosaran críticas en público, como Tati Moyano, Marga Pazos, Alfonso Hermida ou Ana Pérez.

 

Nota: o locutor da Radio Galega Carlos Jiménez.