A CRTVG aproba revisar os correos electrónicos d@s traballador@s e restrinxe o acceso á internet

A dirección xeral da empresa que dirixe Alfonso Sánchez Izquierdo aprobou, de costas ás e aos profesionais e á representación sindical, unha normativa en que tamén prohibe "utilizar a rede corporativa para actividades que poidan atentar contra a moral" e resérvase o dereito a comprobar "de maneira aleatoria" que páxinas da internet se están a consultar desde esa rede corporativa. 


A dirección xeral da CRTVG emitiu unha resolución "de usos dos sistemas de información" en virtude da cal se reserva o dereito de revisar os correos electrónicos do cadro de persoal e estabelece unha serie de prohibicións que levan aos e ás traballadoras a falar de "escalada de fasticización" nas relacións laborais desta empresa pública.

Nesa liña falou Raquel Lema, secretaria de acción sindical da CUT na CRTVG e, ao tempo, presidenta do Comité Interempresas. Segundo sinala, malia ser de obrigado cumprimento para tod@s @s profesionais do ente público, a norma foi elaborada e publicada "de costas á representación sindical" e estabelece prohibicións "literais".

Entende Lema, xornalista e redactora da televisión nacional galega desde 1996, que o obxectivo último desta resolución, que vai asinada por Alfonso Sánchez Izquierdo, é "criminalizar, reprimir e espallar o terror entre os traballadores e as traballadoras para que depoñan actitudes xurdidas nos últimos meses, como a súa participación no blogue Eu non manipulo".

A CUT exixiu a retirada da normativa, mais tal requerimento foi rexeitado pola dirección. A central sindical baralla emprender accións legais. 

Que estabelece a resolución?

Sobre o uso do correo electrónico, avísase tamén de que a “CRTVG resérvase o dereito de revisar as mensaxes (…) e os arquivos LOG dos servidores co fin de comprobar o cumprimento desta normativa”. Prohíbese “enviar mesaxes de correo electrónico de forma masiva” e “enviar ou reenviar mensaxes en cadea ou de tipo piramidal”, así como “configurar ou instalar contas de correo electrónico alleas á CRTVG” ou enviar correos “a foros de discusión, listaxes de distribución ou grupos de noticias que comprometan a reputación da CRTVG”.

Porén, a resolución impón tamén un veto ao uso "da rede corporativa" para a realización de actividades "que poidan atentar contra a moral ou as normas establecidas pola compañía"; a "enviar información confidencial da CRTVG ao exterior, mediante soportes materiais ou a través de calquera medio de comunicación” ou “posuír, para usos non propios da súa responsabilidade, ningún material ou información propiedade da CRTVG". 

Aliás, os e as traballadoras verán restrinxido o acceso á internet "aos temas directamente relacionados coa actividade e os cometidos do posto de traballo do usuario”. A mesma limitación estabelécese para “o acceso a páxinas web, grupos de noticias e outras fontes de información”. Segundo advirte a normativa, “CRTVG resérvase o dereito de monitorizar e comprobar, de forma aleatoria, calquera sesión de acceso a Internet iniciada por un usuario dentro da rede corporativa".