CRTVG propón un debate a seis o 23 de marzo coa presenza de Ciudadanos e Vox

A compañía suxire debater sobre emprego, sectores máis relevantes, políticas de benestar e modelo institucional no contexto actual.

A Corporación de Radio Televisión de Galiza (CRTVG) propón un debate electoral, con motivo das eleccións galegas do 5 de abril, con seis formacións política e convida PP, PSOE, BNG, Galicia en Común-Anova Mareas, Ciudadanos e Vox, co fin de que "poidan confrontar nos medios públicos as súas posicións sobre temas de máximo interese para a cidadanía".

Cando falta un mes coa cita coas urnas, o ente público convida as formacións con representación parlamentaria no Pazo do Hórreo, o que inclúe a Galicia en Común-Anova Mareas como 'herdeira' do espazo político de En Marea, aínda que en 2016 presentouse esta marca electoral como partido político sen que figurasen as formacións políticas que o impulsaron.

Ademais, tamén se incluíron Ciudadanos e Vox, que non teñen deputados no Parlamento de Galiza nin tampouco no Congreso por ningunha das circunscricións electorais galegas, pero tivéronse en conta polos seus resultados anteriores e na categoría de formacións de relevancia.

Temas

Se se confirma o debate, as e os líderes políticos debaterán sobre a situación económica xeral, a evolución do emprego nos sectores máis relevantes da Galiza e as políticas de benestar, xunto coas súas propostas de goberno e modelo institucional no contexto actual.

O debate proposto é para horario de máxima audiencia, a partir das 21,30 horas, e poderase seguir a través da Televisión de Galiza, a Radio Galega e os medios dixitais da corporación. Estará moderado pola redactora xefa de Informativos de TVG, Marta Darriba, e polo xefe de Informativos da Radio Galega, Alejandro López Carballeira

O último debate organizado pola CRTVG no contexto das eleccións galegas de 2016 chegou a ser contactado por case medio millón de espectadores. O debate será accesible en lingua de signos, ademais de facilitarse sinal do evento a todos os medios interesados na súa difusión.