A CRTVG non nega o veto a Ses

Ses, durante a emisión do programa Zig Zag diario, coa camisola #DefendeAGalega

A través dun burofax, escrito en español, remitido por un bufete de avogados privado, a CRTVG, que conta con asesoría xurídica de seu, diríxese a Sermos Galiza para exixirlle unha rectificación na entrevista realizada a María Xosé Silvar, Ses, mais non desmente a existencia dunha orde interna de non emitir contidos relacionados coa artista que estaban xa programados.

Con data de 9 de abril de 2019, Sermos Galiza recibiu un burofax do despacho Ferro Abogados en calidade de representante da CRTVG -o ente público dispón dun departamento de asesoría xurídica propio- no que se lle esixe ao medio unha rectificación a respecto da entrevista realizada a María Xosé Silvar, Ses, publicada o 3 de abril de 2019 e na que se informaba do veto á artista nos medios públicos galegos.

 

O burofax, redactado en lingua española, nega que o veto procedese da coordinación de Cultura, como publicou Sermos Galiza -a raíz de conversas con traballadoras do ente-, pero non desmente a existencia dunha orde interna de non emitir contidos relacionados coa cantante que estaban xa programados. No documento sinálase que “é incerto que a coordinación de Cultura da CRTVG transmitira orde algunha de anulación sobre a artista María Xosé Silvar, Ses, que foi ademais entrevistada o 14 de marzo na TVG e na RG”.

 

Fontes consultadas por Sermos Galiza aseguran que a música tiña acordada unha entrevista no programa de televisión A Revista e que foi cancelada unilateralmente pola CRTVG despois de que Ses acudise ao programa de televisión Zigzag diario e ao espazo radiofónico Galicia por Diante. Fíxoo cunha camisola co lema reivindicativo #DefendeAGalega, o movemento impulsado por traballadoras e traballadores dos medios públicos contra a manipulación, feito que provocou malestar na dirección do ente.

 

Por outra banda, traballadoras da CRTVG informaron a Sermos Galiza de que en Zigzag fin de semana, presentado por María Solar, estaba prevista a emisión dun videoclip en que participaba Ses e que recibiron a orde de substituílo por outro.

 

É o terceiro burofax que recibe este medio do citado despacho de avogados en representación da CRTVG en relación a distintas informacións publicadas en Sermos Galiza sobre a manipulación no ente público.

 

48 Venres Negro

 

Este terceiro burofax, que ameaza co inicio das “accións legais que en Dereito procedan en defensa dos intereses da CRTVG”, chega na semana en que as traballadoras e traballadores convocan o 47 Venres Negro e días despois de facerse público que a CRTVG sanciona un locutor activista deste movemento contra a manipulación.