Mobilizacións na TVG a partir do 23 en defensa dunha produción propia ''asfixiada''

Instalacións da TVG en San Marcos [SG]

Encetando a campaña outono-inverno, a dirección da televisión nacional suprime cinco programas, un total de 458h anuais de produción da casa. Cómpre tomar en conta que unha hora de produción propia custa a metade que aqueloutra encarregada a unha produtora externa. O comité interempresas advirte: "camiñamos cara unha situación en que só produciremos os servizos informativos"


Unha hora de emisión de programación propia da TVG ten un custe de 4.552 euros. A mesma hora de emisión, se se lle contrata a unha produtora externa, eleva o seu custe até os 9.275€. Con estes dados que manexa o sindicato CUT e aos que Sermos Galiza tivo acceso, as contas son doadas de botar: producir na casa custa case a metade que encarregala fóra.  

Porén, segundo informa o comité de empresa da televisión pública, na última xuntanza mantida coa dirección a consigna que se lles transladou aos e ás traballadoras é que, a partir do 23 de setembro, cando comeza a se emitir a programación de outono-inverno, desaparecerán da grella cinco programas: 

- A Revista edición de tarde
- Reporteiros
- Eirado
- Heiche cantar, queridiña
- No bico un cantar

Os cinco son de produción interna da TVG e, sumando as súas horas e emisión, supoñen un total de 458h que serán reemprazadas ben por produción externa (aquela realizada por produtoras galegas) ben por produción allea (series e debuxos animados que se mercan a baixo prezo nas feiras audiovisuais) Sigamos a botar contas: de encher esas 458h onde desaparece a produción propia con produción externa, a teor dos dados antes sinalados, o custo ascendería até 4.247.950 euros. 

En quen gasta os cartos a TVG?

Alguén podería pensar que, tal e como ten repetido ben veces o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, "os traballadores da compañía son caros" e, en tal suposto, compensaría a contratación externa. Pasamos logo a dar os dados que desbotan, segundo a CUT, esta posibilidade: tomando como referencia os anos 2011 e 2012, o gasto en persoal da televisión pública reduciuse en 4.105.881 euros, namentres o investimento en produción externa medrou en 787.142 euros. 

Seguindo coa comparativa entre esas mesmas anualidades, a produción interna da canle nacional baixou en 1.043 horas; a contratación de produción externa subiu en 387 horas; e a compra de produción allea (emitida case na súa totalidade na G2) ascendeu en 1.345 horas. 

O 50% de produción propia garantida por convenio

"Camiñamos cara á unha situación en que na casa só se producirán os servizos informativos", lamenta Raquel Lema, presidenta do comité interempresas da CRTVG, quen explica que na negociación do convenio colectivo que se está a levar a cabo "pedimos que un dos aspectos sexa unha garantía de mantemento dunha porcentaxe de produción propia".

A falta de concretar cal será esa porcentaxe, Lema sinala que irá na liña do reclamado pol@s traballador@s da corporación da televisión española: un 50%. 

Protestos "sonoros" nas segundas feiras

Non é esta a única medida de presión que porán en marcha perante unha situación en que "a representación sindical entende que empezan a quedar profesionais da casa sen carga de traballo".

Por isto mesmo, na segunda feira día 23, cadrando como xa sinalamos co inicio da programación outono-inverno, o cadro de persoal da televisión pública protagonizará o primeiro protesto "sonoro", de dez minutos de duración, á entrada do edificio de San Marcos, xusto debaixo do despacho do director xeral e á mesma hora en que este se reúne cos xefes de dirección. Será a primeira de moitas, pois a xuntanza realízase todas as segundas feiras e @s traballador@s protestarán con cada xuntanza.

Reunións cos catro grupos parlamentares

Para alén dunha xuntanza que teñen pedida co consello de administración da TVG, o comité inter-empresas tratará de se reunir tamén cos catro grupos parlamentares "apelando a aquelas forzas políticas comprometidas cunha televisión independente e de calidade".

É no Parlamento galego onde se aprobará o mandato-marco que recollerá as directrices para os contidos que se emitan na televisión nacional, isto é, que tipo de programación se fai, que se fai na casa e que se encarrega fóra. Aquí reside a importancia desta reunión, no papel relevante que a Cámara terá após a transformación da compañía en corporación, prevista para o vindeiro ano, cando, segundo a Lei de medios públicos da Galiza, deberá redactarse ese mandato-marco. 

"Están a asfixiar a produción propia e isto ábrenos as carnes"

Para alén de entender que a TVG debera ser "o motor" do audiovisual galego, Raquel Lema xustifica a posibilidade de que se contraten series a produtoras externas "porque na casa non hai tradición ou non hai formación para as cousas máis complicadas da ficción".

Porén, recalca que "unha cousa é iso e outra é encargar fóra un programa que responde ao concepto de servizo público e que unha produtora pagada vai facer con imaxes de arquivo da propia televisión". 

É ese o caso de 'Galicia 112', un programa sobre o traballo d@s profesionais de emerxencias que comezará a se emitir a semana que vén e cuxa elaboración foi contratada a unha produtora externa.

"É un servizo público. Por que se lle dá a un produtora un programa que é servizo público se nós propias non temos carga de traballo?", pregunta a presidenta do comité interempresas, subliñando o "malestar" que esta información supuxo entre @s xornalistas até o punto de concluír que "o que está a pasar ábrenos a todos as carnes".