A CRTVG continuou a manexar a hipótese do atentado horas despois de que fora oficialmente desbotada


Nas informacións que a televisión e a radio públicas da Galiza ofreceron durante toda a mañá do 25 de Xullo non se deu en ningún momento por descartada a colocación dun artefacto explosivo como causa do sinistro, sinalando unicamente que tal teoría "vai perdendo forza"


"Xa saben vostedes que era unha das hipóteses das que se tiña que falar e que nós iamos seguir moi atentamente". Advertíano nun adianto informativo ofrecido á última hora desta cuarta feira, e fixérono.

A televisión e a radio públicas da Galiza non deron por desbotada a hipótese de que a colocación dun artefacto explosivo fose a causa do sinistro rexistrado na curva da Grandeira, no lugar de Angrois, nin sequera nas informacións ofrecidas durante a mañá do 25 de Xullo, onde unicamente sinalaban que tal teoría "ía perdendo forza".

O Goberno español comunicou oficialmente que se trataba dun accidente "e non caben outras hipóteses sobre as causas". Fíxoo a través do ministerio de Interior, segundo un teletipo que difundiu a axencia de notivias Efe e ao que a TVG deu leitura íntegra no mencionado adianto informativo.

Horas máis tarde era o propio Samuel Juárez, delegado na Galiza do Executivo de Mariano Rajoy, quen reiteraba que "non hai ningún indicio que apunte a que non se tratou dun violento descarrilamento". Porén, a televisión e a radio públicas, ao igual que a maioría da imprensa, atribuíron a un atentado o sinistro de Angrois nas primeiras informacións.

A propia axencia Efe fixo circular un teletipo, asumido integramente por xornais como o monárquico ABC, en que informaba de que 'Dous mozos do lugar do atentado foron os primeiros en auxiliar ás vítimas'.

A hipótese non foi aínda refutada nos medios públicos, pois nas conexións en directo con distintos puntos informativos realizadas ao longo da mañá deste 25 de Xullo só se advertía de que tal teoría "vai perdendo forza". Nalgúns casos evitouse falar directamente de "atentado" e disfrazouse a idea falando de que o que "perdía forza" era "a posibilidade de que fose algo máis que un accidente".