A CRTVG desmente un veto de Vox aos medios públicos galegos

Fronte ao denunciado polo Colexio Vasco de Xornalistas e pola Asociación Vasca de Xornalistas, a CRTVG informa a través das redes sociais que non existe veto ningún de Vox aos medios públicos galegos.

A pasada quinta feira, o Colexio Vasco de Xornalistas e a Asociación Vasca de Xornalistas denunciaban o veto de Vox a EiTB, TV3 e á TVG, entre outros medios, para que non fagan seguimento do partido de ultradereita na noite electoral.

 

Despois de se facer eco Sermos Galiza desta información, na noite da sexta feira, a CRTVG sinalaba a través da súa conta de Twitter que os medios públicos galegos non foron vetados en ningún acto de campaña electoral das xerais.

 

 

Nun comunicado de imprensa, as dúas principais organizacións profesionais do xornalismo en Euskal Herria explicaban que a formación ultraespañolista acreditara 80 medios de comunicación para seguir a noite electoral nun hotel madrileño, entre os que non se atopaban os medios públicos das nacións sen Estado.

 

O Colexio Vasco de Xornalistas e a Asociación Vasca de Xornalistas sinalaron que actitude de Vox “vai en contra do criterio democrático”. Con decisións como esta, Vox “volta a marcar o camiño da manipulación e de apartar os medios que poidan contradicir o seu discurso”.