A CRTVG culpa ao Goberno estatal do atraso do curso no ensino secundario

Imaxe da nova retransmitida pola TVG. (Foto: CRTVG)
A Televisión da Galiza (TVG) compartiu nas súas redes sociais unha información co titular: "O cambio de protocolo do Goberno central obriga a retrasar o inicio do ensino secundario". Enseguida usuarias e usuarios destas plataformas acusaron á CRTVG de manipulación. O propio conselleiro de Educación obvia as presións que recibiron dos institutos e bótalle a culpa ao equipo de Pedro Sánchez.

Un titular da TVG no seu perfil da rede social Facebook deu paso a bastante malestar por parte da súa comunidade de usuarias e usuarios. Baixo o título "O cambio de protocolo do Goberno central obriga a retrasar o inicio do ensino secundario", a canle televisiva quería promocionar unha nova sobre o traballo da Consellaría de Educación de cara ao inicio do curso.

Porén, ao mesmo tempo molestou a moita xente que recordou nas mensaxes que "as competencias" en materia educativa están nas mans da Xunta, polo que o Executivo do Estado español pouco tivo que ver nos problemas que deron como resultado o retraso de, polo menos, unha semana na volta as aulas do alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP.

"Este tipo de manipulación igual pode incluso acarrear consecuencias xurídicas...", reflexionou un usuario. "Que asco da la tele comprada... Meses rascando la barriga la Conselleria de educación con la competencia de Educación en manos de la Comunidad autónoma y la culpa es del, central.. Qué manipulación!", engadiu nunha mensaxe outra das persoas que accedeu á publicación.

O malestar foi notábel entre moitas persoas porque co atraso tivo que ver, entre outras cuestións, o cambio de cara visíbel no departamento da Xunta. Ademais, a decisión de adiar ao 23 de setembro o inicio do curso tamén foi forzada pola negativa de moitos institutos a iniciar as clases sen ter claro con que recursos económicos, de espazo e de persoal ían contar.

Os primeiros que levantaron a voz foron os equipos directivos de oito dos dez centros composteláns, e despois se sumaron desde Pontevedra e A Coruña.

Dados os cambios de criterio da Xunta respecto a pasar do 1,5 metros á colocación de mamparas ou a recomendar un sistema semipresencial do alumnado nos centros, a directiva do IES Plurilingüe de Adormideras, na Coruña, mesmo chegou a dimitir.

Na nova transmitida no telexornal explícase que "a Xunta culpa ao Goberno do atraso na apertura do curso nos institutos". Faino con imaxes do conselleiro Román Rodríguez, no CIFP A Xunqueira que visitou onte e que conta con recursos como as polémicas mamparas nos obradoiros. O representante do Executivo do país incidiu nos supostos "cambios de criterio" impostos por de Pedro Sánchez.