Na xornada do 19 de decembro de 2018

A CRTVG, condenada de novo por vulnerar o dereito a folga

Protesta de traballadoras e traballadores da CRTVG fronte o Parlamento de Galiza o 19 de decembro de 2018, xornada de folga no ente público. Foto: cedida.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de fallar que a CRTVG vulnerou o dereito á folga  o pasado 19 de decembro. Ademais, o alto tribunal declara nula “a decisión empresarial de substituír” unha traballadora e mais o mantemento da emisión do programa O Tempo nesa xornada.

A resolución declara vulnerado o dereito a folga do órgano de representación dos traballadores como instancia convocante do paro do 19 de decembro de 2018. E condena o ente público a lle aboar 6.251 euros de indemnización. Aínda cabe recurso.

A sentenza desestima os argumentos da empresa no referido á substitución da presentadora do Tempo, que secundaba a protesta, pola coordinadora do departamento do Tempo, que non facía folga. A maxistrada expón que a citada coordinadora fixo eses labores fóra da súa quenda de traballo e que as dúas empregadas ás que lle podería corresponder facelo apoiaban o paro. Ademais, o cadro nominativo do persoal de servizos mínimos non incluía O Tempo.

No que respecta ao naufraxio do buque Sin Querer Dios e que a compañía tamén usou como xustificación do que a acusación entende como “esquirolaxe interna”, a sentenza recolle que a noticia chegou á redacción antes das dúas do mediodía. “Ben puido facer referencia a ela o Telexornal Mediodía, que si estaba incluído nos servizos mínimos”. O ente aducira que a emisión do Tempo dese 18 de decembro se “limitara a dar información do naufraxio e do estado do mar e a súa previsión para as seguintes horas”, o que, segundo o fallo xudicial, non foi certo.

Esta é a segunda sentenza contra a CRTVG por vulnerar o dereito fundamental de folga. A anterior, fallada en abril do pasado ano, debeuse á actuación da compañía na folga feminista do 8 de marzo de 2018.