A CRTVG, cada vez máis afastada do marco público

A Corporación Radio Televisión de Galiza destina cada vez maiores porcentaxes dos seus orzamentos a programas de produción externa, ao tempo que privatiza material técnico ou as conexións en directo dos informativos. Desde hai anos, sindicatos e cadro de persoal veñen alertando do SEU desmantelamento. E as contas da Xunta de Galiza para 2020 continúan ese vieiro. Eis un estrato da peza publicada no número 372 do semanario en papel Sermos Galiza.

O 10 de decembro de 2018 persoal da Corporación de Radio Televisión de Galiza (CRTVG) realizou unha folga de 24 horas. Desde hai case 75 semanas as traballadoras acoden cada sexta feira vestidas de negro, nun loito que é tamén un SOS pola televisión pública baixo o lema #DefendeaGalega. A paralización do desmantelamento do medio público, a fin da manipulación e da censura son reclamacións que artellan a súa protesta. Os orzamentos da CRTVG previstos para 2020, cun aumento da contía destinada a programas externos, e a grella presentada para outono amosan que a directiva pulan en sentido oposto. Analizámolos.

Externalización

Raquel Lema forma parte do comité intercentros do ente público. “Habería que facer moita memoria para listar os programas que foron eliminando ou os postos técnicos que non repuxeron, baixo distintas escusas”, afirma, en declaración a Sermos Galiza. En 2012 un estudo da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicas (FORTA) situou a TVG como a televisión pública do Estado co maior nivel de externalización. Daquela 64% da grella delegábase a empresas privadas. Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral desde 2009, defendeu o dato ligándoo ao papel do ente público como “xerador de riqueza cara a contorna audiovisual galega”.

Lema contrapón a postura do persoal: “Para nós supón tirar recursos públicos, entendemos que a CRTVG poida ser motor da industria audiovisual do país, pero hai programación que ten que ser reservada aquí”.

Seis anos despois do estudo de FORTA, en 2018, a porcentaxe da produción externa aumentou, supoñendo 68% da programación. Ese ano a CRTVG destinou 25,6 millóns de euros á compra de producións alleas, contía que ascende a 27,8 millóns no borrador de 2020. O consello de administración terá un custo en 2020 de 375.ooo euros, algo que en palabras da deputada do Grupo Común da Esquerda Ánxeles Cuña «sae moi caro aos galegos».

Actualmente a CRTVG produce directamente os programas Zig Zag, Vivir o mar, O Agro, Labranza, Vivir aquí, O Parlamento e os informativos. “O caso do Agro foi moi polémico, foi recortado en moito tempo”, lembra Lema.

En setembro, o comité intercentros denunciou que o aumento de programas propios que anunciara a directiva ficara fóra da pantalla e das ondas.

“No marco da folga cualificábannos de esaxerados, defendendo que estaba practicamente lista a produción dun late night, dirixido a público dos 30 anos, e dun programa diario infantil. Practicamente dábano por feito, pero non temos noticia de que se estea traballando neses programas”, expón a representante do comité.

A produción dun programa dirixido ás crianzas, destaca Lema, é precisa para atender un público orfo, sen substituto do Xabarín, que marcou unha “época dourada”. “A principal misión da CRTVG é promover o uso e normalización da lingua galega, se non empezamos a ofrecer debuxos en galego á rapazada é imposíbel que no futuro vexan televisión pública”, afirma. D

este xeito, o “desmantelamento do medio” que denuncian sindicatos e persoal continúa. Non só coa eliminación de contidos propios, senón tamén con medidas que tamén suscitaron críticas como a decisión de modificar o Diario Cultural da Radio Galega, cuxo contido diluíuse na información diaria. Precisamente neste espazo participaron profesionais, Ana Romaní e Anxo Quintela, que recibiron sendos Premios Nacional de Xornalismo Cultural en 2018 e 2019.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 372 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]