A CRTVG di que non ten "responsabilidade ningunha" por entrevistar o avogado que dixo que Santi Mina pasou "unha mala noite"

Santi Mina a súa chegada aos xulgados de Almería. (Foto: Europa Press)
Alfonso Sánchez Izquierdo defende en sede parlamentaria que "foi a expresión dun entrevistado e en ningún caso da corporación", mais PSdeG e BNG critican a "ausencia de perspectiva de xénero" no tratamento destas informacións nos medios públicos.

O director xeral da Corporación de Radio Televisión da Galiza (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, desmarcou esta terza feira o ente público das expresións dun avogado que defendeu no programa de radio 'Zona Mixta' o xogador do Real Club Celta Santi Mina, condenado a catro anos de cadea por un delito de abuso sexual, e que asegurou que o futbolista tivera unha "mala noite".

"Foi a expresión dun entrevistado, en ningún caso da corporación", asegurou Sánchez Izquierdo, que incidiu en que o entrevistado falou con "opinións sobre as que a CRTVG non ten ningunha responsabilidade" e coas que o entrevistador "non ten porque estar de acordo".

Despois de indicar que "nada facía pensar que as opinións legais dun experto deportivo invitado para dar luz puidesen derivar nas expresións escoitadas sobre os feitos xulgados", o director xeral da CRVTG sinalou que non volveu contar con este letrado para ningún programa. "A nosa responsabilidade é que, se non podemos evitalo antes, reaccionar cando antes", dixo.

Na súa intervención, Izquierdo asegurou que a CRTVG presta unha atención preferente aos contidos relacionados coa violencia contra as mulleres e promove "un compromiso activo" en contra da discriminación da muller e da violencia machista co obxectivo de "evitar mensaxes que poidan crear unha sensación de impunidade ante estes delitos".

Aliás, asegurou que a CRTVG leva tres anos tentando sacar un plan de igualdade adiante no que, conforme sinalou, foi "imposíbel avanzar máis". "Non será porque non teña a empresa interese. Sería bo que preguntasen á parte social porque non ten interese en fechar o tema", afirmou.

Críticas da oposición

O director xeral pronunciouse deste modo en resposta a senllas preguntas formuladas durante a Comisión de Seguimento da CRTVG, no Parlamento, polas deputadas do PSdeG, Noa Díaz, e do BNG, Olalla Rodil.

Na súa intervención, a deputada socialista alertou da "ausencia da perspectiva de xénero" para o tratamento da violencia machista nos medios públicos galegos e censurou que na entrevista se abordase "un delito con sentenza xudicial por abusos sexuais con xuízos de valor e desprestixio cara á vítima".

Nesta liña, a parlamentaria do Bloque coincidiu en que durante a entrevista se "criminaliza á muller" e téntase defender ao futbolista. "Sumámonos á indignación das redes sociais, dos seguidores do propio Celta e dos profesionais que traballan pola introdución da perspectiva de xénero", sinalou.