Crowdfunding na procura de 1.800 euros contra as touradas

Galiza mellor sen touradas e Libera poñen en marcha unha campaña de financiamento masivo para a colocación de tres valados publicitarios en contra dos espectáculos taurinos na Coruña. Estarían un mes cada unha, nun período inmediatamente anterior á primeira manifestación antitaurina na cidade herculina. Aliás, o Espazo parlamentar en defensa dos animais será "renovado" nesta lexislatura, con deputad@s de BNG, PSOE e AGE

 

Os colectivos animalistas Galiza mellor sen touradas e Libera veñen de pór en marcha unha campaña de crowdfunding con que procuran xuntar os 2 mil dólares --uns 1.800 euros-- de financiamento para a instalación de tres valados publicitarios en contra dos espectáculos taurinos na Coruña. A iniciativa vai enmarcada no obxectivo das dúas entidades, "sobrevivir" sen recibir financiamento das institucións públicas, tal e como recorda Rubén Pérez, voceiro das organizacións.

Acrecenta o activista que os valados ficarían colocados por un período dun mes cada un deles, e inmediatamente antes da manifestación que preparan para 2013, a primeira contra as touradas pois até o de agora todas as accións realizadas foron concentracións.

"Somos conscientes de que non están os tempos para pedir diñeiro e por iso quixemos darlle tamén á campaña un toque de singularidade", explica Pérez ao redor da escolla do crowdfunding ou financiamento masivo, empregado habitualmente para quitar adiante proxectos vinculados ao eido cultural.

"É a primeira vez que se usa para custear unha campaña antitaurina", remarca, colocándoa como unha achega "pioneira en Europa". Quen colabore con Galiza mellor sen touradas e Libera terá "unha pequena recompensa" en forma de mensaxes personalizadas, un diploma virtual pola contribución á loita contra estes espectáculos ou a colocación nas propias faixas publicitarias do nome da persoa que faga doazóns por importe igual ou superior aos 50 dólares.

Un Espazo parlamentar renovado

Rubén Pérez valora ademais a situación do Espazo parlamentar pola defensa dos animais, creado na pasada lexislatura, após as eleccións do 21 de outubro e o panorama que se debuxa na Cámara galega.

Tal iniciativa, da cal facían parte catro deputad@s do PSOE e tres do BNG, queda unicamente con dúas das persoas que a integraban, pois o resto ora non concorría nas listas ora non o facía en postos de saída. A intención de Galiza mellor sen touradas é "renovar ese espazo para dar entrada a novos deputados", que serán con toda probabilidade do BNG e de AGE, aínda tamén agardan que o PSOE apoie máis unha vez a iniciativa.

Para alén do Espazo parlamentar, comenta Pérez a intención de crear "unha fronte contra as touradas" desde a cal se pulará por dous obxectivos inmediatos: garantir a transparencia nos orzamentos destinados a financiar espectáculos taurinos e prohibir a entrada neles a menores de 12 anos, idade que podería ser elevada até os 16. Hoxe en día non hai limitación de idade para presenciar unha corrida de touros na Galiza.