Críticas á “improvisación” de Educación na súa actuación perante a alerta de nevadas

transporte-escolar-a-examen

Sindicatos e Ampas denuncian a “irresponsabilidade” de medidas como suspender o transporte escolar mais non as aulas.

A previsión de alertas por nevadas en Galiza levou á Consellaría de Educación a decidir suspender o transporte escolar en fases distintas segundo os concellos e sen suspender as aulas, deixando esta decisión en mans dos centros. Tanto sindicatos como Ampas consideran que este posicionamento non é responsábel e que adoece de “improvisación”.

A CIG-Ensino, sindicato maioritario, esixe que a Consellaría se faga “responsábel da situación” e que “se non se garante o transporte de ida e de volta , debe suspender as clases”. “Non é de recibo que se contemple transporte escolar só de ida e non de volta e que non se suspendan as clases”, sostén. O sindicato nacionalista lembra ademais que “moitas familias non coñecesen esta decisión até que coller o transporte escolar”.

CIG-Ensino volve poñer sobre a mesa a necesidade de que se negocie un protocolo de actuación ante a previsión de diferentes fenómenos meteorolóxicos adversos “e que non se traslade a responsabilidade ás dirección dos centros”. E critica con dureza que “ante un tema de seguridade para a integridade física, a Consellaría non actúe con coherencia e non asuma as súas responsabilidades para garantir a seguridade de todos os sectores da comunidade escolar”.

Desde o STEG non consideran de recibo que a Consellaría descargue a responsabilidade nas familias e centros de ensino. Explica que “o lóxico” sería suspender as aulas alí onde se suspendeu o transporte escolar.