As críticas e colaboradoras abandonan o Diario Cultural da Radio Galega

Traballadoras da CRTVG protestan contra a manipulación.

As colaboradoras e colaboradores do Diario Cultural da Radio Galega abandonan o programa. Así o comunicaron nunha carta dirixida á xefa de programas da emisora pública, Tania Fernández Lombao. Asinan Uxía Senlle -crítica de música-, Miguel Anxo Fernández -crítico cinematográfico-, Chus Nogueira -crítica literaria-, Natalia Poncela -crítica de arte- e Antón Lopo -crítico de teatro.
 

A dirección da radio pública decidiu unilateralmente liquidar o Diario Cultural, un dos espazos máis veteranos da grella radiofónica encabezado pola xornalista Ana Romaní. Será a partir de setembro. Mais as colaboradoras do programa, algunha, como é o caso de Uxía, con 20 anos de traballo, decidiron adiantarse. “Asistimos desde hai unhas semanas con sorpresa, cando non con estupor, ás informacións, xustificacións e detalles sobre o proceso que culiminará co reparto dos contidos culturais nunha aparatosa sucesión de fragmentos”, di a misiva.

 

Para os críticos e comentaristas, isto supón “a destrución dun tecido radiofónico de probada efectividade informativa, con identidade propia, produción singularizada e impulso á diversidade, todo isto marcado por unha calidade indiscutíbel”. “Os cambios anunciados son, a todas luces, desacertados e pedímoslle que reflexione e reconduza a situación”, engadían, “xa que a existencia do Diario Cultural non implica renunciar á súa proposta de programación, cumprimentala con microespazos”.

 

A pasada segunda feira, as asinantes quixeron acceder ao edificio da Radio Galega para rexistrar o documento, mais non lles foi permitido. Deixárono no posto dos gardas de seguridade, que se compremeteron a entregalo en man a Fernández Lombao.

 

Desde que transcenderon as intencións da Radio Galega de suprimir o Diario Cultural, unha vaga de indignación percorreu o mundo da cultura galega. Un manifesto xuntou 3.500 sinaturas en apoio do programa dirixido por Ana Romaní -28 anos en antena e numerosos plenos municipais votaron a prol do seu mantemento na programación, así como das desconexións informativas locais.

 

Nota: o crítico cinematográfico do Diario Cultural é Miguel Anxo Fernández e non Miguel Anxo Murado como se publicou por erro nunha primeira versión desta información.

 

Nota: nunha primeira versión deste texto afirmábase erradamente que a xefa de programas non quixera recibir os colaboradores do programa, cando o que pasou é que non lles foi permitido acceder ao edificio da radio para rexistrar a carta.