As críticas aos recortes marcan o novo curso escolar

Aumenta lixeiramente o alumnado de Secundaria e cae en máis de 6.000 o estudantado en Infantil, Primaria e Educación Especial. (Foto: Arxina)
A Galiza estrea un novo curso escolar con menos matrículas en Infantil e Primaria e cun lixeiro aumento de alumando en ESO, FP e Secundaria. En total perde máis de 6.000 estudantes que a Xunta sinala como pretexto para un "axuste" de unidades e profesorado que os sindicatos revelan 
con outro nome, o dos "recortes".

Un total de 311.179 alumnas e alumnos galegos regresan esta quinta feira ás aulas de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO, Bacharelato e FP da Galiza. Son 5.725 menos que o curso pasado. A perda de estudantes concéntrase nos primeiros niveis de escolarización. Os centros de Infantil, Primaria e Educación Especial rexistraron 6.861 matrículas menos. Pola contra, os institutos de ESO e Bacharelato anotaron un lixeiro aumento, con 390 e 746 matriculacións máis respectivamente.

Segundo datos da Consellaría de Educación, esta quinta feira abren as portas ao alumnado 1.591 centros educativos, 1.206 de titularidade pública. Polo que respecta ao profesorado, o Goberno galego asegura non dispor das cifras definitivas e apunta só unha previsión, "que se superen as cifras previas á pandemia, en termos similares aos do ano pasado, aínda que con variacións propias da adaptación ás necesidades de cada etapa". As organizacións sindicais censuran as reservas e as contradicións da Xunta. Falan ás claras de "recortes" tanto de persoal docente como de unidades escolares, unha mingua que analizan en termos laborais mais tamén de oferta e calidade educativa.

Desde a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, Suso Bermello asegura que o regreso do ensino público a cifras anteriores á Covid non é unha boa noticia, porque os recursos dispoñíbeis antes eran inferiores aos do ano pasado, cando segundo "datos oficiais da propia Consellaría houbo unha mingua de 869 postos de traballo".

Os centros abren o curso baixo mínimos, "nunha situación preocupante", asegura o secretario nacional da CIG-Ensino, xa que se consolida unha redución de postos de traballo que foi constante nos últimos anos. "Se o conselleiro di que a situación vai ser practicamente idéntica á de antes da pandemia e que non vai haber recortes, algo non cadra. A mentira ten as patas curtas", apostila. Bermello advirte que na reapertura das aulas conflúe todo: "Redúcense os docentes, dispáranse as ratios e moitos centros non están preparados para acoller ese incremento na relación de alumnado".

O curso, aclara, comeza con 717 docentes menos con destino provisional. No caso de Infantil e Primaria apunta unha perda duns cen postos de traballo tras a clausura de 59 aulas, ademais da redución de prazas que se viñan cubrindo con carácter provisional en moitos centros  de apoio infantil, Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, que están a negar este curso. En secundaria, o recorte "xeneralizado" de postos de traballo elimina desdobramentos que durante a pandemia amosaron un gran rendemento e empobrece a diversidade de optativas ou a ensinanza de adultos en moitos IES.

Pero o impacto tamén se pode medir en termos de calidade laboral e educativa. O cese de profesorado interino -máis dun millar segundo a CIG-, "empeora as condicións para o conxunto do profesorado con independencia da súa situación administrativa". En secundaria e FP "pasan a impartir máis afíns das que viñan asumindo, que non son propias da súa especialidade". En Infantil e Primaria aumenta o profesorado itinerante, é dicir, o que ten que atender máis dun centro, dous na maior parte dos casos, pero tamén hai quen nunha semana ten asignado tres ou catro.

Lomloe sen currículos

A Galiza inicia o curso sen mudanzas no horario lectivo do profesorado. É o único territorio que non chegou a acordo ningún para recuperar as 18 horas lectivas en secundaria e 21 no corpo de mestres, unha demanda que desde CCOO-Ensino reivindican de forma urxente canda a redución de ratios e a activación do acordo de agrupamentos que este sindicato asinou co PP e que está adiado.

"A redución do horario lectivo do profesorado, que non do laboral, permitiría dedicar máis tempo ás coordinacións e dinamizacións de actividades que son esenciais para a mellora educativa do alumnado", asegura o responsábel de CCOO-Ensino José Fuentes, quen observa na realidade demográfica do país unha oportunidade para mellorar a atención educativa.

Cae a natalidade e baixan as matrículas. "No canto de reducir as ratios e mellorar a calidade do ensino o que fan é aumentalas ao eliminar unidades e prescindir de profesorado", explica Sandra Montero, responsábel de UXT-Ensino, "o que eiva, a atención especializada ao alumnado con necesidades específicas".

No primeiro día de escola, os sindicatos non perden de vista os cambios lexislativos que introduce a Lomloe nos cursos impares, mais coa incerteza dos currículos definitivos que deben guiar as programacións e o enfoque didáctico. A única referencia, os borradores publicados polo Ministerio de Educación, xa que a Xunta da Galiza aínda non deu a coñecer a parte que lle corresponde para ningunha das etapas educativas.