Temporal

Critican que a Xunta non chame os bombeiros forestais

Bombeiros das brigadas galegas nun incendio forestal o pasado verán

Ás críticas da Mesa Intersindical dos Bombeiros diante da xestión que fai a Dirección Xeral de Emerxencias do temporal que afecta ao país sumáronse ás da Asociación Profesional de Bombeiros Forestais de Galiza (Apropiga), que acusa a Xunta de “neglixencia”.

Apropiga, a Asociación Profesional de Bombeiros Forestais de Galiza, carga contra a Xunta por non mobilizar “en ningún momento” este corpo de profesionais a pesar do elevado número de incidencias que deixa ao seu paso o temporal.

A asociación acusa a Dirección Xeral de Emerxencias e a Consellaría de Medio Rural de “neglixencia” por manter os bombeiros forestais e as motobombas “parados nas súas bases”. Advirte, nun comunicado, de que mentres os servizos de emerxencias municipais “se vían desbordados”, a Xunta “nin sequera” declarou a alerta entre as brigadas forestais.

Non é a vez primeira que Apropiga critica a “actitude neglixente” do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Fixo o propio cando en 2009, no paso do ciclón Klaus, a Xunta “non aproveitou o potencial dos recursos cos que conta”.

O protesto de Apropiga chega após a Mesa Intersindical de Bombeiros denunciara "a nula xestión dos recursos humanos" durante o temporal.