SOS sanidade Pública lamenta que se subaste o edificio Cíes a pesar das necesidades sanitarias de Vigo

SOS Sanidade Pública reclama que o edificio que acollía o policlínico Cíes, e que sae a poxa pública por 3,5 millóns de euros, se destine a usos sociosanitarios.

Representantes da plataforma SOS Sanidade Pública lamentan que a Xunta renuncia ao edificio do policlínico Cíes, que sae a poxa pública por 3,5 millóns,embora “a necesidade de infraestruturas sanitarias na área de Vigo, coas  listas de espera máis altas de Galiza”. Este colectivo reclama que o inmoble acolla un centro de alta resolución, ou cando menos que manteña o uso sociosanitario.

Dende a plataforma critican que coa decisión da Xunta de desfacerse dun inmoble que pertence á Seguridade Social pérdese unha dotación sanitaria importante para a cidade. “Temos as listas de espera máis altas de Galiza, tanto cirúrxicas como de diagnóstico, polo que sería moi boa idea ubicar neste edificio un centro de alta resolución, sobre todo despois de que o Anexo 1 do hospital Xeral tampouco vai ser destinado a usos sanitarios”, explicou o voceiro do colectivo, Manuel González Moreira, da CIG.

Con todo, no caso de que non fose posíbel que acolla esta dotación, dende SOS Sanidade Pública consideran que o edificio ten que destinarse a usos sociosanitarios. “Nun principio, cando se planificou a reordenación de espazos pola apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro, tiñan proxectado que os usos fosen administrativo-sanitarios, en concreto para ser a sede da Xerencia de Atención Primaria”.

Porén, o o Sergas devolveu o inmoble ao seu propietario, a Tesouraría da Seguridade Social, que o saca a poxa por 3,5 millóns de euros. “A Xunta non defendeu os intereses dos cidadáns ao devolvelo, e agora póxanse unhas instalacións que son necesarias, e destínanse a uso privado”, criticou Moreira.