A crítica literaria feminista na Galiza

O auxe do feminismo está posibilitando que xurdan olladas máis complexas e profundas que se centran na análise dos textos con ‘voz de muller’ e que recuperan escritoras esquecidas. Plataformas como A Sega dan boa conta desta forma de observar o mundo cos lentes lila.

Por que as voces das mulleres non resoan tan forte como as dos homes? Por que a literatura universal segue tendo xénero masculino? É unha das moitas interrogantes que se debaten no libro de Joanna Russ publicado hai pouco tempo baixo o título Como acabar coa escrita das mulleres (en castelán, da man de Dos Bigotes e Barriet). Nos nosos días, e coincidindo coa eclosión do feminismo, estanse recuperando xenealoxías de mulleres en todos os campos artísticos, unha forma de entender o mundo que volve pór o foco nesa outra mirada que faltaba para comprender a realidade que habitamos en toda a súa magnitude. Nesta tarefa de recuperación de mulleres escritoras e das súas obras ten moito que ver a crítica literaria feminista, que se erixe como unha “forma de análise máis global e profunda que a patriarcal, xa que esta última é prexuizosa e na maioría dos casos, cunha visión limitada”, segundo salienta María Reimóndez, escritora e unha das impulsoras da plataforma dixital de crítica literaria feminista A Sega. Segundo Reimóndez, o exercicio desta crítica “provoca tensións”, ao promover debates antes impensábeis, recoñecer as obras das mulleres ou cuestionar a chamada ‘literatura universal’. Polo tanto, as lentes lila non se procuran, senón que “chegan a ti e unha vez que as pos, xa non les nin queres ler sen elas”, apunta Ánxela Lema, que exerce tamén a crítica na Sega e considera que “esta non debería ser unha escolla, senón que toda análise literaria debería ser feminista”.

Ler desde as marxes

Di a escritora e crítica Susana Sánchez Aríns que “quando entro numa obra desde o feminismo, no básico, o que me pergunto é se essa obra contribui a mudar ou questionar imaginário patriarcal ou ampará-lo”. Todas as persoas entrevistadas para esta reportaxe coinciden en apuntar que o exercicio da crítica literaria feminista é un proceso de formación continua, que comeza coa inquedanza doutras olladas e se fai tecendo con moitas lecturas e cursos. Tal é o caso de Arancha Nogueira, crítica literaria e poeta, quen comezou a decatarse do tratamento estereotipado e hipersexualizado que se lles daba ás figuras femininas nas obras escritas por homes e consideradas universais, que a levou a un desconforto e a querer explorar outras olladas.

A crítica literaria feminista, a diferenza da patriarcal, pon o foco nas obras escritas desde as marxes, aquelas que se afastan do universal masculino. Á hora de ler desde o feminismo, moitas son as preguntas que se poden abrir: Cantas personaxes femininas hai? Que relevancia teñen na obra? Aparecen en relación aos homes ou fan un rol por si mesmas? Obedecen a figuras estereotipadas?

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.