Cristina Rodríguez, astrofísica: "A vida non ten porque estar baseada no carbono e no exíxeno como aquí na terra"

Cristina Rodríguez López traballa no observatorio de Calar Alto situado en Almería. (Foto: CRL)
Un equipo internacional de astrónomas e astrónomos descubriu hai uns días unha superterra quente ao redor da estrela Gliese 486, a tan só 26 anos-luz do Sol. Este exoplaneta, foi detectado polo instrumento Carmenes, proxecto coliderado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), co telescopio de 3,50 metros do observatorio de Calar Alto en Almería, podería dar información trascendental para o estudo das atmosferas de exoplanetas rochosos. Cristina Rodríguez López, astrofísica galega, traballa nese equipo. 

Cal é a transcendencia de descubrir esta superterra?

A día de hoxe coñécense ao redor duns 4.000 exoplanetas que non pertencen ao noso sistema solar e orbitan ao redor doutras estrelas na nosa galaxia. Superterras descubertas hai moitas xa mais é unha categoría que non existe no noso sistema solar. Serían exoplanetas que teñen entre 2 e 10 masas terrestres aproximadamente. No caso do que acabamos de descubrir, ao que se lle puxo o nome de Gliese 486b, atopamos que ten 2,8 masas terrestres.

A particularidade, neste caso, é que a estrela que orbita o planeta está moi cerca, a 26 anos luz de distancia. A pesar de estar situado moi perto da súa estrela anfitrioa,  Gliese 486 b, conservou probabelmente unha parte da súa atmosfera orixinal.

Como se levará a cabo o seu estudo?

Por un lado a través das velocidades radiais, que foi o que primeiro se detectou co espectógrafo Cármenes que está no observatorio de Calar Alto en Almería.

A maioría dos exoplanetas que descubrimos son por métodos indirectos. Hai algúns que se coñecen por imaxe directa cunha fotografía a través dun telescopio. Este das velocidades radiais lógrase cando o planeta está orbitando a estrela e esta móvese igual que o planeta. O planeta xira ao redor da súa estrela anana vermella nunha traxectoria circular en tan só un día e medio, a unha distancia de apenas 2,5 millóns de quilómetros.

A pesar de estar situado moi perto da súa estrela anfitrioa, Gliese 486 b, conservou probabelmente unha parte da súa atmosfera orixinal. Sobre todo, contamos que desde a Terra teremos a sorte de ver a este exoplaneta transitar, é dicir, pasar diante da súa estrela, como un  mini-eclipse. Por este motivo, Gliese 486 b é un candidato ideal para examinar a súa atmosfera e o seu  interior coa próxima xeración de telescopios espaciais e terrestres.

Os telescopios seguiran a ter un papel importante neste tipo de investigacións? 

A instrumentación mellora cada vez máis. Cando se descubriu o primeiro exoplaneta en torno a unha estrela semellante ao sol foi en 1995 e a precisión dos espectógrafos chegaba a 10 metros por segundo. Agora estamos en Carmenes ten 1 metro por segundo. Xa temos algúns con centímetros por segundo, é impresionante. Eliminan toda a influenza atmosférica e para estas estrelas que son vermellas é moito mellor.

Que é o que lle gustaría descubrir nas súas observacións?

Non é un desexo persoal, coido que é de todas e todos que estamos neste proxecto, meu mais na próxima década o que vai primar é caracterizar os planetas que temos, ver as atmósferas. Neste campo o gran descubrimento sería atopar vida noutro planeta, algo que parece moi lonxano. Máis que de vida, diría eu, a emoción virá cando se comece a observar xa de maneira masiva as atmosferas dos exoplanetas e busquemos un desequilibrio entre elas.

Na nosa, por exemplo, hai un exceso de oxixeno e de nitróxeno e estamos a facer unha listaxe de moléculas que poderían ser biomoléculas, a vida non ten porque estar baseada no carbono e no exixeno como aquí na terra. No momento en que se empecen a detectar concentracións anómalas de compostos moleculares que poderían ser de orixe biolóxico ou xeolóxico.

Será moi emocionante ver, segundo a cantidade de sistemas planetarios que existen e que por agora non hai un semellante ao noso, a cantidade de atmosferas distintas que atoparemos e que información nos darán.