Cristina Palacios: "Unha mala Lei Trans pode facer máis dano que non a ter"

Mobilización en defensa da Lei Trans o 4 de xullo de 2020 en Pontevedra.
No día da visibilidade trans, o movemento LGTBIQ+ da Galiza volverá reclamar nas rúas a aprobación urxente dunha lei integral que acabe coa patoloxización das identidades trans e recoñeza o dereito á autodeterminación de xénero das persoas trans, aínda privadas de liberdade para vivir como se senten, con autonomía para decidir sobre si.

Na realidade das persoas transexuais caben moitas vivencias diferentes. Cada vez máis visíbeis, e por iso, máis cuestionadas ás veces, tamén. "As fobias van sempre da man dunha maior visibilidade. É inevitábel. Pero tamén é certo que canta máis visibilidade tes máis apoio social atopas", asegura a Nós Diario Cristina Palacios, presidenta de Arelas, Asociación de familias de menores Trans. "Iso era o que buscábamos  como colectivo, visibilizar a existencia das crianzas trans, que aínda que pareza mentira, hai sete anos era como se non existisen". 

Se ti non te visibilizas como trans quere dicir que es CIS, e iso implica vivir nunha mentira

Palacios foi unha pioneira. É nai da primeira menor trans que se deu a coñecer nos medios de comunicación e a primeira en cambiar legalmente o seu nome na Galiza. "Cando falamos de visibilidade do que se trata é de que unha persoa poida vivir e amosarse libremente tal e como é. Darlles esa visibilidade é recoñecer que existen", incide Palacios, quen reivindica o traballo colectivo que veñen desenvolvendo a canda outras entidades nos últimos anos.

Maior empoderamento

A diferenza das xeracións anteriores, a presidenta de Arelas observa nas máis novas un maior empoderamento "resultado do traballo coeducativo que se fai nas escolas, que as motiva para dicir abertamente o que senten. Tamén houbo unha evolución nas familias, froito da visibilidade que a transexualidade foi gañando na esfera pública e nos medios". Mais recoñece a necesidade de avanzar. "Porque se ti non te visibilizas como trans quere dicir que es CIS, e iso implica vivir nunha mentira que podes chegar a soportar uns anos, pero que non é factíbel a longo prazo para ser feliz. Unha persoa ten que vivir como é, non  como a súa familia ou o seu contorno quere que sexa".

Unha persoa trans non se identifica nin sente como propio o sexo nin tampouco o xénero que lle asignaron no momento de nacer. Hai persas que foron asignados como neno pero son e séntense nenas. E ao revés. "Son as que mais coñecemos en Arelas, pero tamén hai persoas non binarias, que non se identifican con ningún xénero ou que se recoñecen mellor cun xénero máis fluído". Hai moitas formas de vivir a transexualidade, recalca Cristina Palacios, e moitas identidades asociadas a unha realidade diversa sobre a que pesa unha grave estigmatización social.

Patoloxización trans

O menosprezo da transexualidade ten que ver coa patoloxización que Palacios atribúe a "un sistema patriarcal e heterocisexista no que todo o que escapa do heterosexual e do cisexual  é unha patoloxía. Algo ao que hai que buscarlle a orixe, tratar como unha enfermidade e tutelar. E isto é tremendo na vidas persoas trans". 

Onde está o concepto emancipador das persoas trans? Non o teñen asimilado. Pero é lóxico neste contexto

A patoloxización trans, explica a activista de Arelas, supón que para vivir libremente, existir de forma legal "e poder reflectir a túa identidade nun DI, pasaporte ou tarxeta sanitaria, tes que pasar por un proceso de diagnóstico e tutela desde saúde mental. Tes que deixar que te traten como unha persoa enferma, aínda que non o sexas, e someterte cada certo tempo ao escrutinio da tutela". Unha experiencia que buscan erradicar por lei para acabar "co rexeitamento feroz cara a si mesmas e a baixa autoestima" cos que medran moitas crianzas trans atrapadas nesta custodia, "até o punto de xustificala", di, para poder ser quen son. "Onde está o concepto emancipador das persoas trans? Non o teñen asimilado. Pero é lóxico neste contexto", censura Cristina Palacios.

#LeiTransXa

O recoñecemento dos dereitos das persoas trans -dereitos humanos- pasa pola aprobación da Lei Trans que se tramita no Congreso dos Deputados. Ese texto, apunta Palacios, ten dous enfoques fundamentais. "Dunha banda, a despatoloxización das identidades trans, para acabar co requirimento do diagnóstico de disforia de xénero, e doutra, a autodeterminación de xénero, que implicaría tratar as persaos trans como persoas autónomas, con capacidade para decidir por si mesmas, que é o punto que máis debate xera e que conta coa negativa rotunda do PSOE".

Tamén é o dereito co que o movemento LGTBIO+ da Galiza se amosa máis comprometido. Despois de tantos anos de loita e reivindicación "non imos renunciar agora á autodeterminación de xénero", advirte Cristina Palacios, quen critica a resistencia  do Partido Socialista a prescindir da vixilancia das persoas trans. "O que din é: permítoche existir sempre e cando eu teña o control sobre as túas vivencias". "Prefiro que non haxa lei a que aproben unha na que non se recoñeza este dereito, porque unha mala lei, incompleta, pode facer máis dano que non a ter", enfatiza.

Autodeterminación de xénero na Lei Trans

"As persoas trans son as únicas do mundo que para acceder a dereitos humanos básicos teñen a obriga de pasar polos servizos de saúde mental para seren diagnosticadas e tuteladas", afirma a presidenta de Arelas, Asociación de familias de menores trans. Todo o contrario á autodeterminación de xénero que esta tarde o movemento LGTBIQ+ da Galiza reclamará nas rúas da Coruña, Compostela, Vigo, Pontevedra e Ourense.

O chamamento a concentrarse é colectivo e parte de diferentes entidades que convidan a cidadanía a reivindicar o respecto polas identidades trans e "a aprobación, dunha vez por todas, dunha lei específica e integral que nos protexa e axude a vivir dignamente". A cita, ás 20 horas na praza de María Pita da Coruña, na praza 8 de marzo de Compostela, diante do museo Marco, en Vigo, na praza de España de Pontevedra e na praza Maior de Ourense.