Cristina Fernández, deseñadora web: "Coa pandemia viñeron moitas persoas ao rural e estiveron traballando desde a súa casa"

Cristina Fernández, deseñadora web (CF)

Cristina Fernández e o seu compañeiro Jason Heaver levan dous anos e medio vivindo en Viana do Bolo. Para ela foi un retorno ao lugar que deixou con 17 anos. Das súas profesións en tempos de pandemia xurdiu a iniciativa comproenviana.com, unha páxina web que busca dar a coñecer comercios e empresas dese municipio. A proposta tivo moi boa acollida e superou as mil visitas en poucos días. Puxo en evidencia que, se se dan as condicións óptimas, internet pode ser unha moi boa opción para sumar poboación no rural.   

Cal é a súa relación co municipio de Viana do Bolo?

Vivín aquí até os 17 anos cando fun estudar a Valladolid Filoloxía Inglesa e logo marchei para Londres. Nesa cidade vivín toda a miña vida e traballaba nunha Organización Non Gobernamental realizando estratexias de integración social en presos adictos. A miña función era ter ideas, fomentar iniciativas que axudasen ás persoas. Son unha persoa que non para de darlle voltas ás cousas. Hai dous anos e medio decidín volver a Viana. 

E xa nese municipio xorde a iniciativa Eu compro en Viana, non?

No confinamento estaba na casa e non deixaba de pensar que non había un lugar que reunise todos os negocios que hai en Viana do Bolo. Se alguén chega aquí e precisa persoal de fontanaría ou carpintaría non sabe onde buscar, tampouco hai de hostalaría. A miña parella traballa coa informática e eu deseño páxinas, polo que unha cousa levounos a outra. Presentámoslle a iniciativa ao concello e decidiron apoiala ao instante. Era algo que facía falta. Os negocios agora coa crise están sufrindo e canta máis publicidade teñan mellor. Ten en conta que 65% das compras globais fanse por internet e o mesmo acontece coas buscas de estabelecementos. Hai estudos que afirman que en 2040 esa porcentaxe subirá até 90%.

Foi complicado que entrasen os comercios e empresas do municipio?

Aquí coñecémonos todas e todos. Comecei cunha campaña en Facebook que dicía “non se pode comprar a felicidade mais si podes comprar en Viana, que é a mesma cousa”. Mandei correos electrónicos e expliquei que non tiña ningún custo participar. Agora mesmo hai 95 entradas, entre comercios e empresas. 

Hai vendas de produtos a través da propia páxina?

Nos comercios e empresas que teñan esa posibilidade si. Outros non teñen páxina web e tes que acceder a eles por teléfono para facer pedidos. Con esta iniciativa moitos animáronse a entrar no comercio electrónico, déronse conta das súas posibilidades.

Esta experiencia pode extrapolarse a outros municipios do rural galego?

Penso que si. É unha idea moi sinxela. Funciona como as páxinas amarelas mais electrónicas. No rural, que está todo tan espallado, é a maneira de reunilo. Eu non sabía que había 120 negocios en Viana! Coma min moitas persoas de aquí descubriron que poden mercar de todo sen saír do concello. Hai moito potencial e os produtos que se ofertan son de moita calidade. Lembro eu mesma de levar androlla a Londres, e como gustaba! Os concellos deberían animarse. Internet é ter o mundo nas túas mans. Todos os municipios teñen páxinas web e poderían difundir as súas empresas e comercios.

A internet no rural chega a todo o mundo?

En Viana tivemos a sorte que puxeron fibra hai un ano e non temos problema. Mais hai lugares aos que non chega internet. A Xunta debería contar máis co rural e facer investimentos nese sentido. Tamén en promover lugares con boa conexión a modo de centros de traballo para favorecer as persoas que queiran traballar desde o rural. Coa pandemia veu moita xente para o rural e estiveron traballando na súa casa. Teño o exemplo dun amigo que veu desde Londres e agora traballa desde Castiñeira. Pediu permiso á empresa e continuará aquí até setembro. Como o seu caso podería haber outros e é unha maneira de dar vida ao rural.