A crise deixa na Galiza 19.000 despexos

Entre 2008 e 2016 a media de lanzamentos hipotecarios que se produciu no noso país foi de seis diarios.

Desde 2008 no noso país tiveron lugar máis de 19.000 lanzamentos hipotecarios (despexos), unha cifra que evidencia a magnitude dunha situación, o desafiuzamento, que se converteu na imaxe dramática das consecuencias da gran recesión. En 2008 foron algo máis de 1.100 os desafiuzamentos. E en 2016 esa cifra foi de perto de 2.400, máis do duplo do que naquel ano. Porén, neste último exercicio houbo unha baixada no número de lanzamentos se comparamos cos anos máis duros, como 2012, cando tiveron lugar máis de 3.500 desafiuzamentos.

Así pois, durante a crise en Galiza houbo unha media de seis despexos cada día, ou un cada catro horas. Un ritmo de vertixe que non é alleo ao resto do estado español, onde durante eses mesmos anos o número de desafiuzamentos foi de ducias de miles.

O número de lanzamentos practicados o ano pasado en Galiza foi de 2.384, o que supón un descenso de 2 % a respeito dos 2.432 de 2015. Os lanzamentos afectan distintos tipos de imóbeis, non só vivendas e, no caso destas, non só a vivenda habitual. Dos 2384, como consecuencia de procedementos de execución hipotecaria producíronse 766 (4,3 % menos que en 2015, cando se rexistaron 800), mentres que aumentaron 2,5 % os lanzamentos motivados por procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos, ao pasar de 1.507 en 2015 a 1.544 o ano pasado. Os despexos enmarcados no apartado doutras causas pasaron de 125 a 74, o que supón un descenso de 40,8 %.