Xustiza

O xurado popular declara culpábel o autor confeso do triplo crime de Valga

Lectura do veredicto do xurado popular. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
O veredicto abre a porta a que a Sala impoña a prisión permanente revisábel a José Luís Abet polos asasinatos da súa ex muller e da nai e irmá dela.

O xurado popular encargado do xuízo polo triplo crime de Valga (comarca de Caldas) emitiu a última hora desta terza feira o seu veredicto e determinou por unanimidade que José Luís Abet, autor confeso do asasinato da súa ex muller e da nai e irmá desta, é culpábel de matar "de forma intencionada" as tres mulleres. A deliberación estendeuse durante perto de seis horas e Abet, que pediu perdón na última xornada do xuízo, tamén foi considerado culpábel de dous delitos de lesións psicolóxicas aos seus dous fillos menores —ao querer "expresamente" que presenciasen o crime— así como doutro de tenencia ilícita de armas.

Após informar da súa deliberación o xurado popular, o tribunal deberá ditar unha sentenza. Ábrese a porta á condena de prisión permanente revisábel, que puxeron sobre a mesa tanto Fiscalía como as acusacións popular e particular. De feito, no veredicto apúntase que o xurado non é favorábel a ningunha medida de indulto ou suspensión da pena, e desestima que actuase baixo calquera tipo de alteración psíquica que limitase a súa capacidade mental. Só seis votos a favor avalan a tese de que Abet colaborou confesando onde tirara a arma do crime.

Feitos probados

O escrito da Fiscalía relata que os feitos —que o xurado popular dá agora por probados— ocorreron pouco antes das 8 horas do 16 de setembro de 2019, cando o home se dirixiu a casa da súa ex muller sabendo que a esa hora ela abandonaba a vivenda en coche na compaña dos seus dous fillos en común, de sete e catro anos, respectivamente. Canda el levaba unha arma corta co número de identificación borrado.

Para sorprender á ex muller e "evitar que fuxise", o acusado colocou o seu vehículo diante da porta do garaxe e esperou de pé a que abrise para despois situarse á altura do portelo da condutora e dispararlle na cabeza coa arma, que levaba oculta nas costas. Tras o primeiro disparo na cara, tiroteouna dúas veces máis no pescozo e outra no peito, mentres os seus fillos miraban desde os asentos traseiros.

Cando abandonaba o lugar do crime no seu vehículo, o acusado cruzouse cun coche no que se dirixían cara á vivenda a nai e a irmá da vítima, que foran alertadas por veciños e por unha chamada da propia muller. "Nese momento, o investigado decide tamén acabar coa vida de ambas as dúas, razón pola que cambiou o sentido da marcha e perseguiunas até chegar á casa", prosegue o escrito. Unha vez alí, o procesado disparou en catro ocasións contra a sogra e a cuñada, acabando coas súas vidas no acto. Estes asasinatos tamén foron presenciados polos dous fillos do home, aos que dixo que agardasen no lugar até que chegase a Garda Civil.

O escrito fiscal apunta que o acusado "carecía de calquera tipo de permiso" de armas no momento dos crimes, e que "quixo expresamente que os seus fillos menores de idade presenciasen como mataba á súa ex muller, co consecuente sufrimento que supuña para eles", xa que elixiu o momento no que ambos abandonaban a vivenda para ir ao colexio.

Prisión permanente revisábel

Por matar á ex muller, tanto Fiscalía como as acusacións particular e popular, que exerce a Fundación Amigos de Galicia, piden para el a aplicación da prisión permanente revisábel e demandan 25 anos anos de cárcere por cada un dos outros dous asasinatos. Aliás, o ministerio fiscal pide outros tres anos por tenencia ilícita de armas e dez anos de prisión polas lesións psíquicas causadas aos seus fillos. A acusación particular eleva a petición de penas a 20 anos polos danos causados aos menores.

No apartado das indemnizacións, Fiscalía pide para o marido e pai das vítimas 475.000 euros, e 341.000 euros a cada un dos dous fillos menores. A acta do xurado dá por probado que o autor confeso cometeu o crime do súa ex muller polo seu "profundo desprezo" cara a ela, "á que consideraba inferior pola súa condición feminina". E, tanto no seu caso, como no da súa nai e a súa irmá, ve nos asasinatos "un acto de imposición cara a elas".

"Satisfacción" da acusación popular

Após a lectura do veredicto, en declaracións aos medios, o avogado da acusación particular, Manuel Martín, manifestou a súa "satisfacción" por que se puidesen "acreditar todos os feitos" que as acusacións mantiveron durante o xuízo. "O xurado falou e acreditou que cometeu os feitos sendo plenamente consciente do que estaba a facer. Falta que a Sala dite sentenza e concrete as penas", incidiu.