Saúde

O cribado contra a hepatite C na Galiza detecta 86 casos entre 63.000 persoas

Imaxe tomada con microscopio do virus da hepatite. (Foto: Europa Press)
Aquelas persoas que dan positivo reciben un tratamento nun período máximo de 21 días, como estabelece a estratexia, que tamén contempla a realización sistémica da proba a mulleres embarazadas no primeiro trimestre de xestación.

O cribado feito ao amparo da estratexia galega contra a hepatite C permitiu a detección de 86 casos desta patoloxía contaxiosa entre as 63.000 probas realizadas desde comezos de ano.

O dato foi ofrecido pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, na súa intervención na Comisión 5ª do Parlamento galego.

Nos nove meses desde a súa posta en marcha no mes de xaneiro de 2023, a estratexia que persegue a eliminación da hepatite C como problema de saúde pública leva a cabo un cribado para a detección precoz deste virus entre persoas de 40 e 69 anos.

Así, ofrecerase, de forma progresiva durante os próximos tres anos, a oportunidade de someterse a estas seroloxías ás persoas destas idades que acudan a centros sanitarios a realizarse probas analíticas.

A poboación albo

Este ano 2023, a poboación albo vai dos 50 aos 59 anos, mentres que en 2024 será quenda das que teñan entre 60 e 69 anos e para 2025 quedarán as de entre 40 e 49, segundo explicou a responsábel de Saúde Pública.

Aquelas persoas que dan positivo reciben un tratamento nun período máximo de 21 días, como estabelece a estratexia, que tamén contempla a realización sistémica da proba a mulleres embarazadas no primeiro trimestre de xestación.