As crías de quenlla volven a Galiza polo verán

Quenlla avistada este verán (Imaxe: Xaime Beiro).
A Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños lembra a necesidade respectar estes exemplares "inofensivos" para as persoas. No caso de atopar unha cría varada nun areal, recomenda devolvela á auga colléndoa cunha toalla.

As quenllas (Prionace glauca) reprodúcense en augas oceánicas. Cando as crías saen do ovo atópanse arrodeadas de predadores, doutras quenllas e peixes de maior tamaño que o seu. Na súa fuxida, chegan ás costas galegas, onde se alimentan e medran o suficiente como para emprenderen o camiño de volta.

"Sempre se viron crías de quenlla, pero antes rexistrábanse un ou dous avistamentos no verán e desde hai uns catro anos son moito máis frecuentes", explica a Nós Diario Alfredo López, biólogo e presidente da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Marinos (Cemma).

Desde Cemma apuntan as mudanzas da temperatura oceánica, cos consecuentes cambios na distribución desta especie, como a posíbel orixe desta nova tendencia. "Mantemos contacto con investigadores canadenses, que percibiron estas mesmas variacións, mais fará falta unha serie anual máis ampla para sacar conclusións", agrega López.

Os avistamentos predominan na costa occidental, se ben neste mes de xullo predominaron desde Fisterra cara ás costas do sur. "Xa houbo algún no norte de Lugo, pero son moi pouco frecuentes", sinala o biólogo. A maioría corresponden a espécimes da Prionace glauca, aínda que nun areal do municipio de Barreiros advertiron nos pasados días da presenza dun momo ou quenlla peregrina (Cetorhinus maximus).

"Normalmente avístanse a finais da primavera e comezos do verán, pero a Mariña está máis influenciada polas augas do Cantábrico, a súa temperatura e a distribución das especies que alí viven", explica López. Até os anos 50 houbo unha pesqueira de momos na área de Bares. 

Exemplares varados

Cemma anima a cidadanía a chamar ao teléfono 686989008 cando advirta a presenza dunha quenlla na costa, para incorporala ao seu rexistro. López lembra tamén que estes espécimes son exemplares moi novos e inofensivos. Moitos deles chegan cansos e rematan varados na praia. No caso de atopar unha cría de quenlla viva nun areal, o biólogo recomenda recollela cunha toalla e devolvela á auga.

"Hai que procurar non ter contacto cos animais, deixalos tranquilos e non tratar de extraelos da auga para evitar algunha situación de risco, pero os bañistas poden estar tranquilos, pois as crías non supoñen ningún perigo", conclúe López.