Crentes Galegos critica a ampliación do Ano Santo que cede a "presións de intereses políticos e económicos"

Pórtico da Gloria

A Coordinadora de  Crentes Galegos, que representa unha vintena de asociacións de igrexa de base na Galiza, criticou a "lamentáble" ampliación do Ano Santo 2021 a todo 2022, unha decisión que, afirman, tómase cedendo a "presións de intereses políticos e económicos alleos á espiritualidade católica".

Segundo dixo a entidade nun comunicado, esta "impresentábel prórroga" reflicte "a mestura da Igrexa cos poderes políticos e económicos" coa “desculpa da pandemia".

"O Xacobeo é un fenómeno político, económico, cultural, etc, totalmente respectábel. Pero, un Ano Santo é exclusivamente un fenómeno relixioso e espiritual, non suxeito a outros intereses", recolle o comunicado.

Pola contra, para  Crentes Galegos "adquiría pleno sentido" a celebración do Ano Santo no 2021 "se de verdade é que se pensa nas persoas que sofren a todos os niveis esta terrible pandemia".

"Para consolo e apoio a estas persoas, e non para apertura de albergues, debería dirixir a xerarquía da Igrexa os esforzos do ano que acaba de comezar", engaden.

Por iso, reclaman "unha rectificación, para que o Ano Santo que vén de comezar estea de verdade ao servizo das persoas que o precisan e non sirva a outros intereses".