Crebas que alertan dun mar de plástico

Limpeza na praia de Espiñeiro (Oleiros)

O Ceida, centro de referencia de educación ambiental a nivel galego, celebra esta fin de semana o IV Encontro Internacional do Lixo Mariño, unhas xornadas abertas para a sensibilización e defensa do medio mariño onde as crebas adquiren unha dimensión comunicativa e artística, como medio de transmisión dunha realidade de intoxicación do planeta polos materiais plásticos que van parar ao mar.

“Dun tempo a esta parte faise evidente a importancia do problema que supón o lixo mariño e a conciencia crecente entre a poboación. A concienciación é clarísima, pero é que os plásticos –e os microplásticos– están por todas partes. Estamos matando o mar co lixo”, advirte Carlos Vales, o director do Ceida, o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental da Galiza e, como o describe, “punto de encontro de todas as entidades que traballan a prol do medio ambiente, como espazo de apoio á sociedade civil. 

Este espazo é, xunto cos colectivos Mar de Fábula e RetoqueRetro, quen organiza as xornadas, que se realizan baixo o epígrafe ‘Crebeiros no mundo’ e que ofrece unha programación aberta e de balde, con prazas limitadas e previa inscrición, durante toda a fin de semana, nas que ademais de múltiples entidades galegas participan, nesta edición, dúas asociacións procedentes de Portugal, Brigada do Mar, e da Bretaña francesa, Ansel Association.

"O maltrato que lle temos dado ao mar deixou feridas abertas que supuran e devólvennos eses residuos", advirte o presidente de Mar de Fábula

Esta sexta feira, a actividade abríase con limpezas por parte de persoas voluntarias nas praias de Espiñeiro (Oleiros) e Bens (A Coruña), na que intervén un grupo de estudantes de primeiro curso da Universidade da Coruña. Estas limpezas nos areais serven, a ollos do presidente de Mar de Fábula, Xosé Manuel Barros, para “marcar o rumbo dun encontro intervencional que reúne xente que traballa na defensa do medio mariño" e que se presentan como unha combinación teórico-práctica. “Como puidemos comprobar en Espiñeiro, o mar segue a estar moi contaminado por residuos plásticos, por lixo plástico miúdo que despois invade as praias. O maltrato que lle temos dado ao mar deixou feridas abertas que supuran e devólvennos eses residuos, enormes volumes de materiais que chegan de volta á terra cos ventos e as mareas”, lamenta Barros, encargado da palestra inaugural de mañá.

Isabel García, integrante do colectivo artístico RetoqueRetro –outro dos impulsores da actividade–, salienta tamén a acción que se realiza con voluntariado e coas propias participantes do encontro nas praias, “porque o que se saca é unha mostra simbólica de todo o que chega do mar e permite ter nas propias mar todo aquilo que acaba nos mares”. As limpezas rematan cunha separación, en lonas, dos materiais apañados, “para que todo o mundo poida ver tamén a orixe destes residuos”, observa García.

Deste xeito, e segundo explica o presidente de Mar de Fábula, Mar de Lixo preséntase como un proceso de concienciación e para promover a mobilización da cidadanía. “Trátase de intercambiar opinións e experiencias e ver de que maneiras podemos actuar para conseguir, por exemplo, que as administracións prohiban os plásticos dun só uso ou as bandexas de porispán, un material que ateiga as praias, como estamos vendo”, sinala Barros. Como subliña, as administracións teñen moito que dicir para “aliviar” a contaminación do medio mariño, pero tamén as grandes distribuidoras, “que son quen marca a pauta”. Por debaixo de todo, ou por enriba, está a concienciación e mobilización cidadá, esencial para mudar os hábitos de consumo. “Todo un proceso que conduza á diminución dos usos dos plásticos”, conclúe.

Máis de 70 persoas están apuntadas para facer parte dos obradoiros, limpezas e faladoiros, que tratarán iniciativas como os sistemas de depósito para recuperar envases reutilizábeis ou as formas de colaboración co sector pesqueiro para a prevención e mitigación do lixo mariño na Galiza, entre outros moitos temas. A programación, que se pecha o domingo cunha derradeira limpeza no areal de Bastiagueiro (Oleiros) e obradoiros artísticos abertos a público familiar e con crianzas, recolle tamén, mañá, a performance 'Waste or not to waste', da artista Susana Sanromán, que se vale de materiais plásticos dun só uso para unha intervención que mestura danza e audiovisuais, e un concerto da banda Las Antonias.