Denuncian a creación dunha praza na Escola de Restauración de Pontevedra para "enchufar" unha docente

Escola Restauración e Conservación de Pontevedra [ImaxePontevedraViva]

"É unha cacicada", alegan desde a equipa docente e a CIG-Ensino. 

Aproveitando o concurso de traslados convocado pola Consellaría de Educación na Escola Superior de Restauración de Pontevedra saltou a lebre. E é que na listaxe provisoria aparecía unha praza vacante na especialidade de Conservación e Restauración de Documentos gráficos, unha especialidade que non se imparte no centro. En Pontevedra, unicamente se ofertan Pintura, Escultura e Arqueoloxía. 

Perante este feito, a propia escola e a CIG-Ensino puxéronse en contacto coa Consellaría para obteren información onde se lles confirmou que non se trataba dun erro e que non tiñan vontade de rectificar. "Sen información por parte de Inspección e sen o solicitar sae unha praza con nocturnidade e aleivosía á que só se presenta unha persoa", di en conversa con Sermos Galiza Fernando Carrera, profesor da Escola Superior de Restauración e ex-director da mesma. 

"É a terceira vez que tentan enchufala", denuncian após integrala nas listaxes de interina e de tentar nomeala directora da Escola

"É a terceira vez que tentan enchufala", explica, pois a mesma persoa "permanecía nas listaxes de interinos e interinas na especialidade de Conservación e Restauración de Obras Pictóricas de Galiza e o seu nome aparecía e desapareceu desta listaxe en varias ocasións", sinalan desde a CIG, organización sindical maioritaria da Xunta de Persoal da Escola de Restauración. 

"Tentaron coala como interina", di Carrera, e denunciaron facendo decaer o seu nome da lista. Con posterioridade e após a demisión en bloque da dirección da escola como medida de presión para exixir á Xunta a integración das Ensinanzas Artísticas na Universidade, "quixeron facela directora". Algo que tampouco foi posíbel. 

Relación cun nome destacado da Xunta 

A persoa beneficiada é funcionaria con praza fixa na Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Avilés (Asturies) porén, na actualidade foi nomeada directora do Museo Pedagóxico de Galiza (MUPEGA), un posto de libre designación. Isto é, nomeado a dedo. 

Na actualidade foi nomeada directora do Museo Pedagóxico de Galiza, un posto de libre designación

Desde a Xunta de Persoal e a CIG-Ensino presentaron un recurso á listaxe de vacantes provisionais co que exixen a retirada desta persoa pois, para alén da irregularidade do propio proceso, a súa incorporación á equipa de profesionais suporía a saída dunha persoa interina. E é que, ao non existir a súa especialidade, impartiría as denominadas "materias comúns" correspondentes aos primeiros cursos formativos. 

"É inaceptábel, como profesor e como cidadán" asegura Fernando Carrera en referencia á "cacicada" que supón, di, a creación da vacante. Un posto feito "a medida" para que sexa ocupado pola única candidata presentada. 

A súa entrada suporía a saída dunha persoa interina que na actualidade imparte materias comúns

Desde a Dirección Xeral de Recursos Humanos mesmo lles aseguraron que esta persoa non asumirá a súa praza polo que non se tiñan que preocupar, cando menos até o momento. "Coa que está a caer coa taxa de reposición", lamenta Carrera, "é inaceptábel". 

O clima que se respira na escola é de "cabreo" xeralizado e, á espera de contrastaren os dados, advirten que farán pública a súa relación cunha persoa destacada do goberno galego. De facto, nestes días recibiron "ameazas de todo tipo" instándoos a mantérense calados e non continuar adiante coa súa denuncia. 

"Chegaremos aos tribunais" advirten desde a Escola e a CIG que podería denunciar no contencioso-administrativo o que, din, é "un enchufe clamoroso".