O Covidauto da Coruña cambia de ubicación

Render do novo Covidauto do Chuac (Foto: Nós Diario).
O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) traslada de lugar, a partir de mañá, terceira feira, día 12 de maio, o coñecido como Covidauto á parte posterior do edificio Oeste (quinto andar do novo edificio) do Hospital da Coruña.
 

O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) traslada de lugar, a partir de mañá, terceira feira, día 12 de maio, o coñecido como Covidauto, un sistema para a realización das probas do coronavirus ás doentes desde os seus propios vehículos sen que teñan que baixarse deles (e que só se lles realiza ás persoas que teñen prescrición facultativa e cita previa, que se asigna directamente desde o centro de saúde.

A facultativa ten que prescribir a realización deste test no marco dos criterios estabelecidos nos protocolos, e quedará rexistrada na súa historia clínica electrónica. Tamén se manterán como até o de agora os test nos domicilios.

O novo lugar elixido para a realización das probas no Covidauto é a parte posterior do edificio Oeste (quinto andar do novo edificio) do Hospital da Coruña.

Ao acceder á zona de toma de mostras, haberá un control que co listado de citas programadas permitirá o acceso única e exclusivamente ás usuarias que teñan esa cita e estean debidamente identificados.

Este sistema permite axilizar tempos, xa que posibilitan que a cidadanía se desprace en coche ao hospital, e ademais diminúe a utilización dos equipos de protección individual (EPI).

Esta nova situación atópase moi cerca do Laboratorio de Microbioloxía do Hospital, o que contribuirá "a unha maior rapidez diagnóstica", apuntan desde o Chuac.