Covid: suben os ingresos pero baixan os casos UCI

Test de Covid-19 (Foto: Okrasiuk)
Os novos contaxios experimentan unha estabilización ao descender lixeiramente. 

Os pacientes de Covid-19 ingresados na Galiza volven crecer até os 689 hospitalizados, que son 20 máis con respecto a hai 24 horas. Mentres tanto, os casos activos ascenden a 15.599 despois dunha xornada na que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) detectou 1.632 positivos nun día.

Segundo os datos actualizados este sábado pola Consellería de Sanidade, con rexistros até as 18,00 horas da sexta feira, as plantas dos hospitais acumulan 667 ingresados con coronavirus, que son 24 máis que un día atrás, aínda que as unidades de coidados intensivos teñen 22, catro menos.

Por áreas sanitarias, non todas replican este ascenso dos ingresados. De feito, a área de Ferrol conta con 46 hospitalizados (oito menos que hai un día), dos que só un está na UCI (-1). Do mesmo xeito, baixan lixeiramente na Coruña a 169 (-1), dos que sete están críticos (-2); e en Santiago-Barbanza a 103 (-1), catro deles (-1) en coidados intensivos.

No lado oposto, a área de Vigo soben até os 103 hospitalizados (+9), aínda que baixan a dous os críticos (-1); a de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras ascende a 99 (+10), aínda que descenden a tres os que están na UCI (-1); e en Lugo-A Mariña-Monforte aumentan a 90 (+10), dos que tres están en coidados intensivos (+1).

Casos activos en ascenso

Por quinta xornada consecutiva os casos activos ascenden e sitúanse no conxunto de Galicia en 15.599, que supoñen 617 máis que a xornada anterior ao haber máis contaxios (1.632) que altas (1.009), ao que se suman cinco falecementos.

Os contaxios estabilízanse

Pola súa banda, os novos contaxios de covid-19 experimentan unha estabilización ao descender lixeiramente até os 1.632 detectados polo Sergas nun día, que son nove menos que os 1.641 notificados o venres.