Covid: Os positivos baixan até os 269 pero tamén se reduciron nun millar as PCR

A campaña de vacinación segue por toda Europa. (Foto: David Taneèek / CTK / dpa)
A maior parte dos casos activos concéntranse nas áreas sanitarias de Compostela, A Coruña e Cee e Vigo. Nas últimas horas faleceron tres persoas máis polo que o número de vítimas é de 1.409

Os datos de contaxios do coronavirus comezan a baixar despois de catro xornadas por enriba dos 400. A Consellaría de Sanidade detectou no último día 269 casos novos pero hai que ter en conta que a evolución real pode ser distinta porque tamén se practicaron un milleiro menos de probas PCR.

A taxa de positividade con menos de 3.500 análises feitos á poboación é de 6,6%. O número de casos activos sería de 5.732, un centenar por debaixo da estatística anterior. No entanto, a presión hospitalaria segue en ascenso e este sábado ingresaron outras 14 persoas na rede sanitaria galega.

Un total de 57 persoas permanecen nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI), mentres que 331 están noutras áreas de hospitalización.

O groso das e dos doentes permanece en corentena na casa co control da atención domiciliaria, fundamentalmente a través de chamadas telefónicas.

A peor situación é a que se vive en todas as áreas sanitarias agás Pontevedra e Compostela, pois houbo galegas e galegos que tiveron que quedar no hospital no resto de zonas. Dos novos contaxios con independencia de onde están a ser atendidos, Vigo aportou case 1 de cada tres. Descubríronse 22 infectatos máis (até 87) e en Ourense notificouse un crecemento de 14 contaxios (até 28).

Mapa dos casos positivos

O número de casos activos partíllase da seguinte maneira: 1.332 no distrito de Compostela, 1.173 no de Vigo e 1.134 no da Coruña e Cee.

En Pontevedra hai 710 cidadás con síntomas da Covid-19 ou presencia no corpo do virus, mentres que en Ourense fálase de 605 veciñas. Na demarcación de Lugo hai activos 483 casos e en Ferrol o global é de 295.

Falecementos

As vítimas da pandemia na Galiza xa suman 1.409, tras comunicarse o pasamento de tres homes ao longo da xornada pasada. En concreto, finou un varón de 83 anos que estaba ingresado en Vilagarcía e outro de 80 que era atendido polo persoal sanitario do Hospital de Pontevedra.

Ademais, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) decorreu o óbito doutro paciente de 80 anos. Antes xa se comunicaran outros seis decesos, un vinculado á residencia DomusVi de Vimianzo.