Covid: a Xunta estuda pedir un documento para desprazarse en zonas con fechamento perimetral en Nadal

Axentes nun control de mobilidade nos accesos a Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, recoñeceu que aínda non se tomou unha decisión ao respecto. Porén, chamou á sociedade galega a "non saltarse as normas".

A Xunta está a estudar a posibilidade de solicitar documentación ás persoas que se trasladen desde ou até municipios con fechamentos perimetrais durante as festas de Nadal.

O pensamento do Goberno galego é se ten sentido ou funcionaría de forma axeitada que as e os galegos levaran algún informe, como podería ser unha declaración responsábel, para acreditar que están en condicións de obviar esas limitacións á mobilidade.

Dado que outros territorios como Navarra apostan nesta modalidade, após o Consello da Xunta o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, recoñeceu que “a día de hoxe, esta cuestión non está decidida na Galiza”.

O representante do Executivo galego destacou que a “mellor garantía” de non padecer sancións é “non saltarse as normas” e “encaixar sempre nos supostos computados” pola Consellaría de Sanidade.

“Se fose necesario acreditalos non hai nada mellor que estar a facer o que un ten que facer e, por tanto, non sería sancionábel”, remarcou.

Porén, o presidente Alberto Núñez Feixoo xa falara do asunto dos fechamentos perimetrais hai uns días. Malia que Rueda non o deixou claro, o líder do Goberno do país si comunicara que non tería sentido que puideran entrar e saír achegados da Galiza e non comunicarse entre municipios do país.

En calquera caso o vicepresidente pediu á cidadanía que sexa responsábel porque ao cumprir as medidas impostas “está a seguridade” tanto de cadaquén, como do resto da sociedade.