Covid: Un usuario e unha traballadora da residencia de Burela, contaxiados após ser vacinados

Unha remesa de vacinas de Pfizer (Foto: Europa Press).
A situación é chamativa pero non hai que esquecer que este remedio contra a Covid-19 adminístrase en dúas doses. Aliás, descártase que fora un efecto adverso do fármaco.

Polo menos un usuario da residencia de maiores de Burela, na Mariña, e unha empregada do mesmo centro deron positivo nas probas do coronavirus. Dada a alta incidencia da enfermidade nos xeriátricos a nova non tería nada de destacábel se non fose porque ambas persoas recibiran xa hai uns días a primeira dose da vacina contra a Covid-19 fabricada pola farmacéutica Pfizer.

Fontes consultadas por Europa Press indicaron que a traballadora da infraestrutura está ingresada no Hospital Público da Mariña, aínda que non en unidades de coidados especiais.

Desde a Consellaría de Sanidade aclararon que dous días antes de comezar a vacinación en Burela, o 29 de decembro, fixéranlle test de saliva e PCR tanto ás e aos residentes como ao cadro de persoal e todas deran negativo ás probas.

Respecto da afección da operaria, din que puido ter o contaxio no ámbito familiar e rexeitan que poida ser un efecto adverso do medicamento.

En calquera caso, hai que ter en conta que xa se sabía que o fármaco tarda un tempo en comezar a facer efecto e protexer contra o coronavirus e, ademais, require a aplicación de dúas doses cun tempo de agarda entre ambas.

Peticións varias

Este suceso coincide no tempo coa petición da Alianza da Sanidade Privada Española (ASPE) para que as autoridades sanitarias axilicen o proceso incorporando aos centros privados á súa estratexia quer na Galiza, quer noutros territorios.

"Contar con todos os recursos sanitarios do país é imprescindíbel para cumprir a previsión do Goberno" do Estado Español para que a vacinación estea ao 100% neste ano, comentou o presidente de ASPE, Carlos Rus. No entanto, hoxe xa foi un día de críticas pola decisión da Comunidade de Madrid de externalizar este servizo público.

Pola súa banda, a OMS pediu, a través do seu director, Tedros Adhanom Ghebreyesus, que se fixese a campaña "o máis rápido posíbel". Igualmente demandou ás compañías fabricantes que o suministro sexa máis elevado e que o prezo sexa "asequíbel e coherente".