Covid: a taxa de positividade máis baixa desde principios de agosto

Profesionais do Sergas en Ourense realizan tests serolóxicos no marco dun cribado masivo a todo o persoal sanitario (Foto: Europa Press)

Galiza rexistra 255 novos positivos e descende a presión hospitalaria.

Galiza rexistrou 255 novos positivos por Covid-19 na última xornada, na que, cun 2,3%, tívose a taxa de positividade máis baixa desde o 5 de agosto. En canto á presión hospitalaria, as áreas sanitarias mantéñense nos niveis dos últimos días cun leve descenso de 4 pacientes ingresados até os 371, 50 deles en UCI.

Así figura na última actualización dos datos da pandemia publicados na páxina web da Consellería de Sanidade.

En canto á detección de casos, Galiza diagnosticou coronavirus nas últimas 24 horas a 255 persoas, 74 máis que na xornada anterior. En total, fixéronse 7.970 probas PCR, 1.313 máis que na xornada previa.

A área de Santiago é a que achega o maior número dos novos positivos detectados cun total de 65 -15 máis-. Supera así a Vigo, na que se diagnosticou Covid a 50 persoas nas últimas horas -25 menos-.

No que respecta aos casos activos en toda Galiza -é dicir, a cifra de persoas diagnosticadas da enfermidade-, continúa a súa tendencia á baixa e mantense por baixo dos 6.000 pacientes.

Son, en total, 5.729 as persoas con Covid na Galiza nestes momentos, 198 menos que hai 24 horas.

Con todo, as vítimas mortais da pandemia segue en aumento e son xa 1.287 falecidos após a confirmación das autoridades sanitarias de seis novas mortes, catro delas relacionadas con centros de maiores.