Covid: Sanidade proporá que as crianzas computen diferente para o tope máximo nas reunións de Nadal

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

Despois de que se coñecera que o Goberno do Estado ten un borrador para regular as festas de Nadal e evitar un incremento dos contaxios por coronavirus, a Consellaría de Sanidade puntualizou que ten a súa propia proposta, que levará ao consello interterritorial que analiza a evolución da pandemia.

A Xunta, a través da Consellaría de Sanidade, non coincide ao 100% coa idea do Executivo de Pedro Sánchez para controlar a expansión da Covid-19 durante as próximas festas de Nadal. Por iso esta cuarta feira presenta no consello interterritorial de sanidade e seguimento da pandemia unha iniciativa que, entre outras cousas, quere contabilizar de forma distinta ás crianzas.

O borrador Propostas de medidas de saúde pública fronte á Covid-19 para a celebración das festas do Nadal que achegou o departamento de Salvador Illa aos diferentes territorios fala de que as reunións, quer familiares, quer sociais, teñan un máximo de seis participantes.

Ademais, habería un confinamento entre a unha e as seis da madrugada os días 24 e 31 de decembro, é dicir, en Noiteboa e Noitevella. No entanto, a Consellaría de Sanidade ten algunhas alegacións, que van ser analizadas a partir de hoxe.

Malia que o conselleiro, Julio García Comesaña, non quixo especificar demasiado as súas ideas, si avanzou que na Galiza -se a situación epidemiolóxica permite saír da casa e ter encontros- habería que adaptar o número máximo de participantes ou comensais.

Mentres o Goberno estatal propón seis, a Comunidade de Madrid quere que poidan atoparse dez cidadás.

Tamén se estuda como dar as mesmas posibilidades de gozar do Nadal a aquelas persoas que non teñen convivintes. Pero foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, o que comentou máis profundamente algúns aspectos do documento galego. No caso das galegas e galegos que viven sós, hai “unha proposta” que aínda “non está fechada”.

O que si me parece razoable é que o cómputo de crianzas sobre adultas debería ter unha metodoloxía distinta”, incidiu, se ben serán consultadas expertas en pediatría.

O obxectivo é que se feche un acordo común para todos os territorios e, despois, se informará das previsións para Galiza. Sempre á espera do que suceda co ratio de contaxios.