Covid: Sanidade adianta que Vigo terá novas restricións esta semana

Veciñanza de Vigo no paseo de Bouzas ao finais de febreiro. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
O conselleiro, Julio García Comesaña, recoñece que haberá medidas para frear a "preocupante" situación da cidade, onde se disparan os contaxios do coronavirus. As decisións daránse a coñecer despois da reunión do comité clínico que decorrerá esta terza feira.

Cando as medidas restritivas pola pandemia na Galiza iniciaban unha desescalada que parecía máis forte, a evolución epidemiolóxica en Vigo pon freo ao ritmo. Dado o incremento dos contaxios, que provocou unha situación "preocupante", o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu esta segunda feira que seguramente se estabelezan novas limitacións na cidade olívica.

Así o manifestou como previa á reunión que a Xunta manterá mañá co comité clínico que asesora sobre o coronavirus. Malia que non deu pistas sobre cales serán esas prohibicións, si augurou que non haberá máis remedio que actuar ante "unha incidencia que se está disparando".

Nunha visita a Verín, o representante do Executivo galego aclarou que "por sorte, a situación da Galiza non é mala" neste momento, pero "preocupa a área sanitaria de Vigo".

"Evidentemente gustaríanos que a incidencia acumulada estivese por baixo de 50, pero aínda así, cos datos que temos hoxe, non é mala", engadiu. Esta está nas 88 persoas enfermas por cada 100.000 habitantes, o que implica que haxa que estar pendentes en todo momento por se é preciso estipular prohibicións ou controis. Así, dixo traballar para que os contaxios "non vaian a peor".

No entanto, a realidade fai que a afección da Covid-19 non sexa homoxénea en todo o país. "Están nunha situación francamente boa moitos concellos con ningún caso que se manteñen, pero tamén hai concellos onde se está incrementado", asumiu.

Na demarcación de Vigo, por exemplo, a incidencia actual a sete días está por encima do limiar estabelecido para as limitacións básicas. No comité poranse solucións "acordes á situación" de cada municipio.

"Non me quero adiantar ao que se diga mañá no comité, pero o probábel é que en Vigo teñamos que tomar medidas nestes próximos días", avisou hoxe Comesaña, que defendeu que, onde houbo que pór medidas adicionais despois de Semana Santa, "xa se puxeron".

Actualmente hai tres localidades coas máximas restricións: fechamento perimetral e da hostalaría. É o caso do Grove, A Pobra do Caramiñal e Cualedro.