Soben a 199 os pacientes Covid hospitalizados e os casos activos seguen en aumento até os 2.767

Punto de vacinación habilitado na Cidade da Cultura de Compostela (Foto: Arxina).

Os novos contaxios descenden lixeiramente a 154.

Os pacientes Covid hospitalizados na Galiza ascenderon a 199, sete máis que a xornada anterior, mentres que os casos activos manteñen a tendencia ascendente por undécimo día consecutivo e sitúanse en 2.767.

Así se reflicte nos datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas deste domingo, nos que se inclúen 33 pacientes Covid en UCI -tres máis- e 166 noutras unidades -catro máis-.

Por áreas sanitarias a presión hospitalaria increméntase en seis das sete e soamente se alivia na da Coruña e Cee, onde aínda que seguen oito pacientes Covid en UCI, descenden a 52 os doutras unidades --ous menos-.

En canto aos casos activos, ascenden por undécima xornada consecutiva e sitúanse en 2.767, o que supón 74 máis, ao haber máis contaxios (154) que altas (78), ao que hai que engadir dous falecementos.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas increméntanse nas sete: Vigo (+26), Pontevedra e O Salnés (+20); Lugo (+13); Ourense (+6); A Coruña e Cee (+4); Ferrol (+3) e Santiago e Barbanza (+2).

En canto aos novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba descenderon lixeiramente comparado coa xornada anterior a 154, o que supón 34 menos.

Pola súa banda, a taxa de positividade caeu neste inicio de semana a un 1,2%, tras subir a un 3,5% a xornada anterior, polo que se mantén por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.373 persoas diagnosticadas coa Covid-19 na Galiza, despois de notificar Sanidade este domingo o falecemento de dous máis.