Covid: Os positivos seguen por enriba dos 400 casos

Xente paseando por unha rúa de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A taxa de positividade é a segunda máis elevada de toda a segunda ola da pandemia. Ademais, segue en alza a presión hospitalaria e os falecementos xa suman 1.406.

Por cuarta xornada consecutiva, o balance de casos positivos por coronavirus está por riba dos 400. É o dato que se extrae do balance da Consellaría de Sanidade, que tamén amosa un incremento da presión hospitalaria con 354 persoas ingresadas nos hospitais da Galiza. Aliás, a taxa de positividade analizada é a segunda máis elevada no que vai da segunda onda da Covid-19.

No balance facilitado polas autoridades sanitarias a Europa Press (que estuda a evolución até a tarde de onte) indícase que no último día foron detectados 412 novas infectadas, tan só 29 por debaixo do informe anterior. Isto implica que malia algunhas curacións, o número de casos activos volve subir até chegar aos 5.833 (56 máis).

Respecto da taxa de positividade, amosaron o seu contaxio un 10,6% das e dos galegos aos que lles foi practicada a proba PCR. De 4.429 análises, máis do 10% deron positivo. A mesa mala nova rexístrase nos hospitais, que non paran de ver incrementada a presión. Nestes momentos hai 354 doentes, das que 57 están na Unidade de Coidados Intensivos (UCI).

Casos nos hospitais

Por áreas sanitarias, a que ten un peor avance é a da Coruña e Cee, pois hai 92 enfermas e enfermos ingresados 20 deles están especialmente graves. Na demarcación de Compostela as cifras tamén son elevadas, sobre todo respecto dos ingresos. Segundo Sanidade hai 87 persoas nos hospitais. En xeral, os casos positivos que tamén son atendidos na atención domiciliaria foron maioritariamente destas dúas zonas.

Pola contra, en Pontevedra e O Salnés baixan a 44 as atencións nos centros sanitarios pero hai 12 na UCI. Nos distritos de Vigo, Ferrol e Ourense hai 52, 39 e 2 afectadas polo virus nas áreas reservadas dos hospitais. En Lugo só suben nun os casos sendo 16 as persoas ingresadas.

Seis falecementos

No que se refire ao número de vítimas da pandemia, xa se superou a barreira das 1.400. Os últimos seis pasamentos fan que sexan en total 1.406.

A Xunta explicou que os falecidos eran tres mulleres e tres homes. No Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) notificaron os decesos de dúas mulleres de 74 e 94 anos e dun home de 72.

Por outra parte, finaron unha paciente de 74 anos no hospital de Pontevedra e un home de 82 no Chuac. Na residencia DomusVi de Vimianzo, a que ten o foco máis grande neste momento no que atinxe aos xeriátricos, perdeu a vida un varón de 83 anos.