Galiza arranca 2021 con 441 novos contaxios e 110 casos activos máis

Sanitarias preparan probas PCR en Monforte de Lemos (Imaxe: Europa Press).

2021 comeza cun novo incremento de positivos de Covid-19 detectados nun día, 441, así como cunha subida de case un centenar nos casos activos, que alcanzan os 5.777.

En concreto, segundo os datos publicados pola Consellaría de Sanidade, con cifras até as 18 horas da quinta feira, Galiza detectou a través de probas PCR 441 positivos en Covid-19, tres máis que a xornada anterior. Así mesmo, os casos activos, como estes últimos días, seguiron aumentando, até os 5.777, o que supón 97 máis que hai 24 horas.

Pola contra, a diferenza do ocorrido nos datos recollidos na cuarta feira, a cifra de hospitalizados diminuíu en seis pacientes, até os 345, aínda que os enfermos en UCI mantéñense en 55.

En concreto, a área sanitaria con máis pacientes Covid ingresados é a da Coruña, que rexistra 87 enfermos hospitalizados (-2), dos que 20 están en UCI (+1), seguida de Santiago-Barbanza, onde a cifra de persoas en centros hospitalarios alcanza as 83 (+7), dos que 8 necesitan coidados intensivos (+1).

Así mesmo, en Pontevedra-Salnés diminuíron en un os pacientes ingresados, até os 51, aínda que crecen dous os que están en UCI, até os 12; e en Vigo hai 49 en hospitais (-4), 9 deles en UCI (-2). A área sanitaria de Ferrol ten 37 hospitalizados (+1), 2 en coidados intensivos (-1).

Finalmente, permanecen 23 hospitalizados en centros da área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco (-4), 2 en UCI (-1) e 15 nos hospitais de Lugo (-3), 2 en coidados intensivos (sen cambios).

Novos casos positivos

Respecto da detección de casos, unha xornada máis, Galiza mantense por encima dos 400 diarios, concretamente 441, tres máis que o día anterior.

O número de PCR realizadas situouse nas 6.937, 357 máis que a xornada anterior.

Na quinta feira foi a área de Vigo a que rexistrou unha maior cifra de novos positivos, até os 110, 32 máis que o día anterior. A continuación situouse A Coruña-Cee, con 97 positivos, 18 menos, e Santiago-Barbanza, con 83 positivos (-6).

A área de Ourense detectou na última xornada 52 positivos Covid, oito menos que o día anterior, e a de Pontevedra rexistrou 48, 23 máis. Finalmente, as PCR positivas en Lugo foron 32 (-13) e en Ferrol diminuíron sete, até as 19.

Casos activos

En relación aos casos activos, a cifra continúa incrementándose e sobe en 97, até os 5.777. As áreas co maior número de pacientes con enfermidade activa foron Santiago e O Barbanza, que acumula 1.346 (-23), e Vigo, que rexistra 1.181 (+44). Con todo, mentres a primeira está en descenso, a segunda crece.

Tamén aumenta, en 62 casos activos, a área da Coruña-Cee, que chega aos 1.091; a de Ourense, con 27 máis, que alcanza os 600 casos activos, e a de Lugo, que chega a 463 após sumar 19.

Pola contra, baixan a de Pontevedra, até os 789, o que supón unha caída de 27, e a de Ferrol, que baixa cinco, até os 307 casos activos.

Desde o inicio da pandemia diagnosticouse coronavirus a un total de 63.510 persoas na Galiza. Delas, 56.338 curáronse, 428 nas últimas 24 horas.

Doutra banda, as vítimas mortais que deixou a pandemia desde o seu inicio ascenden a 1.400, sete delas comunicadas na última xornada.