Covid ás portas do Nadal: repunta en contaxios, casos activos e ingresos hospitalarios

Un sanitario realiza unha proba para detectar posíbeis positivos da COVID-19 (Foto: Europa Press)

A positividade das  PCR ascende a 6,3% despois de seis días por baixo do 5% que marca a OMS.

 

Galiza volve sufrir unha repunta nos positivos por Covid-19 detectados nun día e na súa presión hospitalaria. En concreto, rexistráronse 367 novos casos, 10 máis, nunha xornada na que se practicaron 2.000  PCR menos.

Ademais, o número de hospitalizados rachou a tendencia descendente dos últimos dous días e a cifra repuntou até se situar en 364. Así, aumentaron en sete as persoas ingresadas en unidades convencionais de centros hospitalarios galegos, que suman 309, e en cinco as que permanecen en coidados críticos, que ascenden a 55.

O número de hospitalizados ascenderon en todas as áreas agás a de Lugo-A Mariña-Monforte, onde non se observan cambios, e A Coruña e Cee, na que minduaron pese manterse como a que rexistra un maior número.

En canto ao balance na detección de casos, as áreas sanitarias de  Vigo e Santiago-Barbanza volven ser as que máis infeccións reportan, aínda que sexan menos que hai un día. En concreto, a zona da cidade olívica suma 90 casos -dous menos- e a da capital galega engade 84 -sete menos-.

A taxa de positividade das  PCR sitúase no 6,3%, dúas décimas máis que o día previo, polo que Galiza volve estar por riba do limiar que establece a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia. Cos datos desta sexta feira, Galiza racha a cadea de seis días consecutivos por baixo desta cifra. Por áreas sanitarias, tan só a de Lugo-A Mariña-Monforte se mantén por baixo, con tan só un 0,2% de positivos nas probas.

No que respecta a os casos activos - a cifra total de persoas que están diagnosticadas de covid-19-, hoxe volveron a  repuntar a 5.641 -23 máis nun día-.

Con todo, unha xornada máis as vítimas mortais da pandemia na Galiza subiron e son xa 1.332 tras a morte de cinco persoas nas últimas horas. Dous delas estaban vinculadas a residencias de maiores.