Covid persistente: frecuente en mulleres e doentes con pneumonía adquirida en UCI

UCI do Hospital Clínico de Compostela. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza)

Un estudo realizado por investigadores do CIBER de Enfermidades Respiratorias do Hospital Clínic de Barcelona apunta o sexo feminino, a duración da estancia en UCI, o desenvolvemento da pneumonía adquirida durante o ingreso e o distrés respiratorio, factores de risco independentes.

O estudo, liderado polo xefe de grupo do Hospital Clínic de Barcelona IDIBAPS, Antoni Torres (CIBERES), prolongouse durante tres meses e tivo en consideración un millar de pacientes (991) de 40 unidades de críticos de hospitais de todo o Estado.

Desde o 16 de febreiro de 2020 até o 1 de xaneiro de 2021, os doentes foron sometidos a un seguimento de tres meses despois da alta hospitalaria. Nese período, detectáronse síntomas persistentes poscovid en máis de dous terzos dos pacientes, aínda que a taxa de reingreso hospitalaria mantívose baixa. Só 15% necesitou acudir a urxencias.

Pneumonía adquirida na UCI

Un total de 315 pacientes desenvolveron pneumonía adquirida na Unidade de Coidados Intensivos e os que requiriron ventilación mecánica invasora presentaron maiores síntomas persistentes unha vez dados de alta. Así mesmo, máis do 10% seguía necesitando osíxeno no seu domicilio.

"No noso traballo determinamos que o sexo feminino, a duración da estancia en UCI, o desenvolvemento da pneumonía adquirida durante o ingreso e sufrir distrés respiratorio constituíron factores independentes para unha mala saúde persistente nos pacientes unha vez pasado o coronavirus", sinala o xefe de grupo do CIBERES no Hospital Clinic de Barcelona, Antoni Torres.

Covid persitente

A definición de Covid persistente estabelece como síntomas comúns, que se prolongan polo menos dous meses, a fatiga, dificultade para respirar e disfunción cognitiva, entre outros. Xeralmente teñen un impacto no funcionamento diario, cunha incidencia e intensidade que non se relacionan coa gravidade inicial da enfermidade.

A mala saúde poscovid determinouse por un formulario asociado a estes síntomas: disnea, debilidade, astenia, mialxia, tose, entumecemento, dor de cabeza, anosmia (trastorno do olfacto) e ageusia (trastorno do gusto). Ademais, rexistráronse as estadías en UCI e hospital, as  comorbilidades e a probabilidade de supervivencia, e realizáronse radiografías e tomografías de tórax e pulmón.

Durante a realización do estudo, atopouse que o desenvolvemento dunha pneumonía adquirida na UCI é un factor independente asociado cunha mala recuperación aos tres meses de seguimento.

Estudo e prevención

"Este é un achado especialmente importante dada a alta incidencia de pneumonía nosocomial en pacientes críticos, sobre todo naqueles que necesitan ventilación mecánica invasora, polo que é importante a prevención. A hipótese é que unha segunda infección -a adquirida na UCI- aumenta o dano pulmonar, e, en consecuencia, o risco de padecer Covid persistente", explica Torres.

Os investigadores consideran necesario realizar outros estudos nesta liña e poñen o foco na necesidade da prevención da pneumonía adquirida na UCI, porque podería ter efectos beneficiosos para paliar a síndrome da mala saúde poscovid.